Amosando publicacións coa etiqueta Xunta de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xunta de Galicia. Amosar todas as publicacións

28/12/25

En defensa da Oliveira centenaria do Paseo de Alfonso, ameazada polo proxecto de prolongación do túnel de Elduayen

Comunicado de Prensa de AAdAA (e enlace aos documentos presentados ás administracións)

COMUNICADO DE PRENSA

Amigas das Árbores pide á Xunta máis garantías reais para protexer a oliveira do Paseo de Alfonso XII de Vigo.

A asociación alerta de que a “viabilidade condicionada” do túnel non garante a conservación a longo prazo da árbore

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo fixo pública hoxe a súa preocupación polo impacto que pode ter o proxecto de prolongación do túnel de Elduayen sobre a oliveira centenaria do Paseo de Alfonso XII, incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e símbolo sobranceiro da nosa cidade.

Tras analizar o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia (exp. ACAS-010/2025), a asociación subliña que a autorización autonómica non é plena nin incondicional, senón unha autorización suxeita ao cumprimento estrito de numerosas medidas técnicas e a un seguimento posterior ás obras.

A Xunta non afirma que o proxecto sexa plenamente compatible coa conservación da oliveira; fala dunha viabilidade condicionada. Isto é un matiz moi importante que a cidadanía debe coñecer”, sinalan desde Amigas das Árbores.

A asociación lembra que a oliveira se atopa actualmente en bo estado de saúde, como acreditan as tomografías e informes científicos, e destaca que esa mellora foi posible grazas á ampliación do seu espazo vital e á redución de presións urbanas na súa contorna. “Precisamente por iso, calquera intervención subterránea profunda debería ser avaliada con extrema prudencia”, indican.

Amigas das Árbores expresa especial preocupación pola falta dunha conclusión clara no informe da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) sobre a compatibilidade do proxecto coa conservación a longo prazo da árbore. “O informe describe a resiliencia da oliveira, pero non avalía de forma expresa os efectos dunha obra subterránea urbana complexa nin garante que o risco asumido sexa aceptable nun exemplar irrepetible”, explican.

A asociación advirte tamén do risco de trasladar a responsabilidade á fase posterior á obra: “Os controis e informes a posteriori son necesarios, pero non poden substituír unha avaliación previa clara cando o dano potencial é irreversible”.

Por todo iso, Amigas das Árbores pide á Xunta de Galicia:

  • que encargue a entidades científico-técnicas públicas de Galicia con capacidade e experiencia, un informe pluridisciplinar independente que analice o proxecto municipal dende os aspectos da arboricultura/forestal (Uvigo, Enxeñería forestal, solos e hidroloxía (CRETUS/USC e Lourizán), fitopatoloxía e risco de patóxenos (CFP do Areeiro) e xeotécnica/obra civil (CITEEC UDC).

  • que clarifique publicamente se considera garantida a conservación da oliveira a longo prazo,

  • que aplique de forma reforzada o principio de precaución,

  • e que, de existir dúbidas razoables, esixa unha reformulación do proxecto que reduza aínda máis a afección ao sistema radicular, mesmo se iso implica modificar solucións construtivas ou replantear o proxecto.

A oliveira da Porta do Sol non é só patrimonio de Vigo, senón de toda Galicia. A súa protección efectiva sería un exemplo de como compatibilizar infraestruturas e respecto polo patrimonio natural”, conclúe a asociación.

ACCESO Á INFORMACIÓN COMPLETA

Informe sobre o proxecto básico de prolongación do túnel emitido pola Direccion xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia

20/10/25

O Cíes Market volve ameazar a pervivencia do Xardín histórico da Alameda

A pesar das reiteradas e fundamentadas denuncias da nosa Asociacion e de varios colectivos cidadáns, sobre a instalacion no Xardín histórico da Alameda de Vigo do falso mercado de Nadal chamado Cíes Market (realmente un negocio de explotación privada dun espazo público con mais de 100 casetas de comida rápida e bebidas alcohólicas), o Concello de Vigo permitiu iniciar nestes días, a instalación de estruturas no Xardín que anteceden á colocación das casetas. Nestes días volvimos a denunciar o grave incumprimento por parte do Concello e da Xunta de Galicia dos seus deberes de protección e conservación deste espazo urbano catalogado e enviamos protestas formais por inacción á Valedora da Cidadanía de Vigo e Valedora do Pobo de Galicia.

De seguido, facemos un texto de resume das nosas razóns recollidas nos varios escritos dirixidos ás administracions responsables:


INFORME DE SÍNTESE SOBRE O IMPACTO CRÍTICO DO USO COMERCIAL DA ALAMEDA DE VIGO PARA A PRESERVACIÓN DO XARDÍN HISTÓRICO:

O uso comercial intensivo ten un impacto significativamente negativo e prexudicial na conservación do arborado histórico catalogado, alterando os seus valores culturais, ambientais e a súa integridade física.

Este tipo de uso, exemplificado pola instalación anual de eventos como o "Cíes Market" na Alameda de Vigo (un xardín histórico catalogado), é considerado radicalmente incompatible cos valores que fundamentan a protección destes espazos.

Os principais impactos do uso comercial intensivo sobre o arborado e o xardín histórico inclúen:

1. Danos Físicos e Estruturais no Arborado e no Solo

O impacto máis grave e repetido é o dano físico e o deterioro das condicións de crecemento.

  • Compactación do solo e danos radiculares: O tránsito constante de vehículos pesados maquinaria durante os procesos de montaxe e desmontaxe, así como a afluencia masiva de persoas e a instalación de estruturas pesadas(como as 102 casetas comerciais do Cíes Market), provocan a compactación extrema do solo. A compactación do solo é un dos factores máis prexudiciais para o desenvolvemento radicular das árbores urbanas, xa que impide a absorción adecuada de auga e nutrientes, e reduce o osíxeno dispoñible no chan.

  • Danos mecánicos directos: Prodúcense danos mecánicos nas raíces e nos troncos debido ao paso de vehículos pesados e á instalación de estruturas temporais/permanentes.

  • Uso indebido das árbores: Utilízase o arborado como soporte para cables e luces. Por exemplo, instaláronse cables atados ao tronco de árbores monumentais e unha noria instalouse rozando as pólas dunha Casuarina (incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia).

2. Deterioro Fisiolóxico e Risco para a Seguridade

A alteración do medio físico e os danos causados directamente contribúen a un grave debilitamento da saúde do arborado.

  • Estrés fisiolóxico e fitosanitario: O arborado presenta síntomas de estrés fisiolóxico (como perda prematura de follaxe e rexeneración deficiente) e problemas fitosanitarios graves, incluíndo a presenza de fungos patóxenos. O informe técnico do Areeiro confirmou un estado preocupante de deterioro, chegando a ser crítico en grandes exemplares da Alameda.

  • Risco de seguridade: O debilitamento das árbores centenarias e a perda de vitalidade xeral (con numerosas pólas secas e debilitamento estrutural) aumentan o risco de desprendemento ou caída de exemplares, o que compromete a seguridade das persoas. A caída dun exemplar de Pittosporum undulatum centenario foi relacionada co impacto acumulado destas actividades.

  • Alteración do hábitat: contaminación lumínica (iluminación artificial masiva) e a contaminación acústica(megafonía) afectan negativamente a avifauna residente e o equilibrio ecolóxico do espazo. Ademais, a acumulación de residuos e os fumes do cociñado nas casetas contribúen á degradación.

3. Impacto na Integridade e Valores Culturais

O uso comercial intensivo e as prácticas de mantemento asociadas desvirtúan o carácter de monumento vivo que posúe un xardín histórico.

  • Incompatibilidade de uso: O xardín histórico, que debe ser un lugar apracible que favoreza o contacto coa natureza, o silencio e a meditación, é transformado durante catro meses nun recinto comercial. O uso debe ser controlado en función da súa fraxilidade para preservar a súa esencia e mensaxe cultural. Os traballos de mantemento e conservación deben ter prioridade sobre as servidumes de utilización.

  • Alteración da tipoloxía histórica: As intervencións ou a falta de reposición axeitada tras os danos alteran a tipoloxía e identidade histórica do espazo. Por exemplo, a substitución de árbores de gran porte (como un Pittosporum undulatum ou unha Washingtonia) por pequenas plantas "decorativas" non respecta os principios da Carta de Florencia, que esixe que a reposición de especies manteña a coherencia e estrutura histórica do espazo.

  • Risco de degradación do patrimonio monumental: A conservación dun xardín histórico require un "perpetuo equilibrio" entre o movemento cíclico da natureza e a vontade artística. Un uso incompatible pon en perigo este equilibrio e a conservación do seu contorno apropiado.

4. Consecuencias da Mala Xestión

Ademais dos danos directos do uso comercial, o arborado catalogado é afectado por:

  • Prácticas de poda inadecuadas: Obsérvanse podas severas e mutiladoras (como os terciados e desmochados) que alteran irreversiblemente a arquitectura das copas. Estas prácticas son anticientíficas e son contrarias á Ordenanza municipal, ao prego de condicións do contrato de mantemento e ao Estándar Europeo de Poda. As podas agresivas debilitan a árbore e fana máis susceptible a pragas e enfermidades.

  • Falta de control e inacción administrativa: O Concello, como titular, é acusado de incumprir os seus deberes legais de conservación e de permitir que a contrata actúe sen control efectivo, obviando os informes técnicos que xa advertiran do impacto negativo destas actividades no xardín histórico catalogado.

  • Incumprimento da normativa de patrimonio: A instalación de usos temporais (como o Cíes Market, que dura máis de 72 horas) en bens catalogados, como os xardíns históricos, require autorización previa da Consellería competente en materia de patrimonio cultural (Dirección Xeral de Patrimonio Cultural). A falta desta autorización é sinalada como unha infracción grave da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia.

En resumo, o uso comercial intensivo sobre o arborado histórico catalogado tradúcese en danos irreversibles nas estruturas vexetais (raíces e troncos)debilitamento da vitalidade por compactación do solo e falta de coidados, riscos de seguridade pública e unha desnaturalización do carácter patrimonial do lugar, que perde a súa esencia como monumento vivo para converterse nun espazo de explotación lucrativa incompatible.

20/06/25

Remisión á Xunta de Galicia do Informe da Estación Fitopatolóxica do Areeiro sobre impactos no xardín histórico da Alameda de Vigo

A Asociación enviou o 25/06/2025 á Xunta de Galicia, tres solicitudes relacionadas co estado do Xardín histórico da Alameda

Documento 1: Remisión do informe da Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Documento 2: Solicitude dun Plan de Restauración integral da Alameda

Documento 3Solicitude de recuperación do grao de protección integral para a Alameda

Así mesmo enviou ao Concello de Vigo, escrito no mesmo sentido. Ver aquí.

DOCUMENTO 1: REMISIÓN DO INFORME DA ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO SOBRE O ESTADO DO XARDÍN HISTORICO DA ALAMEDA

ANTECEDENTES

1. Con data de Rexistro 23/12/2024 desa Consellería, esta Asociación presentou (num 2024/3579978) un escrito no que se recollía o impacto do chamado Cíes Market sobre o xardín histórico da Alameda/Praza de Compostela de Vigo e se solicitaba o cumprimento das obrigas legais da Xunta de Galicia verbo da protección deste ben histórico e o exercizo da potestade de autorización para este tipo de uso intensivo dun espazo catalogado. Un uso que consideramos radicalmente incompatible cos valores que dan lugar á súa catalogación. Nese escrito citábanse os impactos críticos que ao noso xuízo se estaban a producir. Ese escrito, a data de hoxe, non tivo resposta ningunha por parte desa Admistración, obviando a obriga de respostar expresamente ás peticións da cidadanía. A ese escrito nos remitimos como antecedente num 1. do presente e damos por reproducido o seu contido.

2. Constatado a grave deterioro do Xardín da Praza de Compostela/Alameda1, e ante a inacción das administracións competentes fronte a este feito, esta Asociación solicitou á Estación Fitopatolóxica do Areeiro --organismo técnico de referencia, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra--, a realización dun estudo dalgunhas árbores na Alameda/Pza de Compostela, e nomeadamente sobre o impacto do chamado Cíes Market sobre este espazo. Petición que foi atendida e, en consecuencia, remitido o informe técnico de data 06/05/2025, que motiva este escrito e que se achega.

EXPOSICIÓN

Á vista destes antecedentes, desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo, dirixímonos a vostedes para trasladar o resultado do informe técnico emitido pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Deputación de Pontevedra), en resposta á nosa solicitude de avaliación do estado fitosanitario do arborado da Alameda de Vigo. Este informe, centrado só no estado dalgunhas árbores significativas que representan unha mostra significativa do estado xeral deste Ben, pon de manifesto un grave deterioro do arborado deste xardín histórico, derivado non só do impacto directo do Cíes Market implantado polo Concello e xestionado en concesión de uso do espazo público pola Agrupación de Empresarios en la Organización de Eventos, Ferias y Mercados de la Comunidad de Madrid (AMFE), senón tamén pola actuación deficiente a cargo da contrata do Concello de Vigo para o mantemento deste espazo e a inacción por parte desa administración local.

1. Conclusións do Informe Técnico do Areeiro (Ref. Exp. 2025029075)

O informe conclúe, en síntese, que o arborado da Alameda presenta un estado preocupante de deterioro, chegando a ser crítico no caso de dous grandes exemplares, debido a:

  • Compactación extrema do solo, como consecuencia, entre outras, das instalacións do Cíes Market, que impide a absorción adecuada de auga e nutrientes.

  • Danos mecánicos nas raíces e nos troncos, provocados polo paso de vehículos pesados e a instalación de casetas e estruturas temporais/permanentes como as do Cíes Market.

  • Problemas fitosanitarios graves, como a presenza de fungos patóxenos e outros axentes daniños.

  • Alteración irreversible na arquitectura das copas, resultado de podas agresivas e deficientemente executadas.

  • Perda de vitalidade xeral do arborado, con numerosas ponlas secas e debilitamento estrutural.

2. Malas prácticas de mantemento: incumprimento do contrato de Acciona.

O estado do arborado non é só consecuencia do impacto do Cíes Market, senón tamén do incumprimento reiterado do prego de condicións do contrato de mantemento de zonas verdes, adxudicado á empresa Acciona, e da falta de supervisión e control por parte do Concello de Vigo. Estas malas prácticas o impacto de actividades incompatibles coa saúde e conservación do arborado histórico, ten provocado un gravísimo deterioro especialmente nalgunhas das grandes árbores do xardín, ata o punto de que o informe da E.F. do Areeiro se indique a convenencia do apeo de dous grandes exemplares.

Entre as malas prácticas observadas destacan:

  • Podas severas e mutiladoras, que contraveñen os principios do Estándar Europeo de Poda e as obrigas do prego de condicións.
  • Uso de vehículos e maquinaria pesada no contorno do arborado.
  • Falta de control fitosanitario preventivo, sen monitorización técnica do estado dos exemplares.
  • Ausencia de medidas de conservación axeitadas, como a mellora do solo, descompactación e protección das raíces.
  • Non reposición dos exemplares caídos con árbores de igual especie e porte, desvirtuando a identidade do xardín.
  • Inacción do Concello, que permite que a contrata actúe sen control efectivo, converténdose así en actor e inductor necesario destas prácticas.

3. Un uso incompatible cos valores da Catalogación: O Cíes Market

A Alameda de Vigo é un xardín catalogado no PXOM e protexido pola normativa galega de patrimonio cultural. Porén, o seu uso como espazo para a celebración do “Cíes Market” e outras feiras é absolutamente incompatible coa conservación dos valores que motivaron a súa protección:

  • A instalación de casetas, carpas, máquinas expendedoras e outros elementos de feira provoca compactación do solo e danos nas raíces, acelerando o deterioro do arborado.

  • O paso de vehículos pesados e maquinaria durante meses (dende a data da montaxe ata a súa desmontaxe efectiva) xera compactación, vibracións e danos físicos nos exemplares.

  • A exposición a luces, megafonía e afluencia masiva de persoas perturba o ecosistema e a saúde das árbores.

SOLICITA

Á vista dos resultados do informe técnico do Areeiro e das malas prácticas de mantemento constatadas e relacionadas no noso escrito de 23/12/2025 e corroboradas no informe do Areeiro, esiximos á Xunta de Galicia:

  1. A esixencia ao Concello de Vigo por parte da Xunta de Galicia da precepetiva solicitude de autorización do uso deste espazo catalogado para a instalación do chamado Cíes Market e, á vista do contido deste escrito, e en aras á preservación deste espazo histórico e natural, a denegación da mesma por parte da Dirección xeral do Patrimonio Cultural.

  2. A paralización definitiva da celebración do “Cíes Market” na Praza de Compostela/Alameda, así como doutras feiras ou eventos que impliquen compactación e impacto sobre o solo, o arborado e avifauna, buscando, se é o caso, ubicacións alternativas en espazos non vulnerables e con capacidade de acollida suficiente.

  3. A esixencia ao Concello da execución inmediata das medidas preventivas e correctivas incluidas no informe da E.F do Areeiro citado.

  4. Que a Xunta de Galicia, como organismo competente en materia de patrimonio cultural, asuma a súa responsabilidade de supervisión e control do cumprimento da normativa de protección deste xardín histórico.

Chamada final á responsabilidade institucional

A Alameda de Vigo non é só un espazo verde, é un patrimonio vivo da cidade, un símbolo histórico e ambiental que require protección e respecto. O informe do Areeiro e as evidencias recollidas demostran que o seu estado actual é consecuencia directa dunha sostida no tempo xestión deficiente e agresiva do Concello de Vigo, do seu uso impropio como lugar de feira e inaxeitado mantemento, conservación e restauración. É consecuencia tamén do incumprimento por parte da Administración autonómica do exercicio das súas competencias superiores de supervisión, autorización e inspección.

Agardamos unha resposta formal e inmediata da Xunta de Galicia, comprometéndose a adoptar as medidas necesarias para garantir a preservación e restauración deste espazo senlleiro.

Escrito en termos semellantes, acompañado de copia orixinal do informe citado da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Ref. Exp. 2025029075), remítese tamén, con esta mesma data, ao Concello de Vigo.

Ir a Documento 2 

Informe da Estación Fitopatolóxica do Areeiro sobre os impactos no Arborado do Xardín histórico da Praza de Compostela/Alameda de Vigo. 

1. Incluído no Catálogo de elementos do Patrimonio do vixente PXOM de Vigo (protexido xa dende o chamado Plan Especial de Elementos e Conxuntos a Conservar (PEEC) do ano 1986 e nos sucesivos plans urbanísticos)--



03/01/25

Instamos á Xunta de Galicia a que cumpra as súas obrigas legais na protección do Xardín histórico da Alameda

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo presenta unha reclamación ante a Xunta de Galicia para a protección da Alameda de Vigo polo impacto sobre o patrimonio da instalación do “Cíes Market” no Xardín histórico.

A Asociación Amigas das Árbores anunciou a presentación dunha reclamación formal ante a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, solicitando a súa intervención para garantir o cumprimento da lexislación en materia de patrimonio cultural e a protección da Alameda de Vigo, un xardín histórico catalogado como ben cultural no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade.

Esta acción responde á preocupación pola instalación anual do "Cíes Market" na Alameda, un evento que durante case catro meses ao ano transforma este espazo emblemático nun mercado masivo de casetas de madeira, iluminación artificial e megafonía, que atrae un elevado número de visitantes e implica un uso intensivo de maquinaria pesada e vehículos para a súa montaxe, desmontaxe e subministros diarios.

A Asociación denuncia que esta actividade está a provocar danos significativos nos valores que motivaron a catalogación da Alameda como ben cultural, destacando:

  • Compactación do solo e deterioro das raíces das árbores centenarias, que comprometen a súa estabilidade e saúde. Colocación de cableado no arborado centenario.

  • Contaminación lumínica e acústica, que afecta á avifauna e ao equilibrio ecolóxico do xardín.

  • Desvirtuación do carácter histórico e cultural da Alameda, transformada durante meses nun espazo comercial alleo ao seu uso orixinal.

  • Risco para a seguridade pública, xa que o debilitamento das árbores podería derivar en desprendementos ou caídas de exemplares.