Amigas das Árbores celebra a presenza do Moucho de Orellas en varios espazos verdes ameazados de Vigo
A Asociación Amigas das Árbores de Vigo quere compartir coa cidadanía unha noticia tan fermosa como esperanzadora: nestes últimos días foi detectada a presenza e o canto do Moucho de Orellas (Otus scops) en distintos espazos verdes da cidade, entre eles a Finca Matías, a Alameda, a Falperra e o Parque do Castro.
A presenza desta elegante ave nocturna, discreta e cada vez menos frecuente nos ámbitos urbanos, constitúe un auténtico indicador da importancia ecolóxica destes espazos arborados, así como da necesidade da súa conservación fronte ás continuas agresións urbanísticas e arboricidas que sofren.
Non deixa de resultar significativo que os lugares onde se está a escoitar este moucho coincidan precisamente con zonas ameazadas ou sometidas nos últimos anos a podas agresivas, talas, compactación do solo ou proxectos de forte impacto sobre o arborado. É o caso da Finca Matías, actualmente ameazada por un proxecto de megaparque infantil incompatible coa conservación do seu carácter natural; da Alameda de Vigo, sometida á presión do Cíes Market; da Falperra ou do Parque do Castro, escenarios habituais de mutilacións e eliminación de arborado maduro.
O Moucho de Orellas é unha especie ligada a masas arbóreas tranquilas e relativamente maduras, nas que atopa refuxio, alimento e condicións adecuadas para o descanso e a cría. A súa presenza lembra que os parques urbanos non son simples decoracións nin espazos baleiros á disposición de calquera evento ou obra, senón auténticos ecosistemas urbanos que albergan biodiversidade e cumpren unha función ambiental esencial.
Desde Amigas das Árbores queremos tamén facer un chamamento á sensibilidade e á información da cidadanía. O canto nocturno destas aves forma parte da vida natural da cidade e non debe ser interpretado como unha molestia ou un “ruído estraño”, evitando situacións esperpénticas como as vividas recentemente en Vigo, onde se chegou a mobilizar investigacións policiais por sons nocturnos que probablemente forman parte da fauna urbana.
A convivencia coa biodiversidade require coñecemento, respecto e unha nova cultura urbana menos obsesionada co control absoluto do espazo e máis consciente do valor da natureza que aínda sobrevive entre nós.
Amigas das Árbores considera que esta inesperada “visita” do Moucho de Orellas debería servir tamén como advertencia: cada árbore madura talada, cada poda salvaxe e cada espazo natural degradado supoñen unha perda irreparable non só paisaxística, senón tamén ecolóxica.
Nunha cidade cada vez máis artificializada, a presenza desta ave nocturna constitúe unha pequena pero valiosa lección: a biodiversidade aínda resiste en Vigo. A cuestión é se a cidade estará disposta a respectala.
,_Kalloni,_Lesvos,_Greece,_19.04.2015_(16773748434).jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Interésanos moito a túa opinión