Amosando publicacións coa etiqueta Prensa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Prensa. Amosar todas as publicacións

27/01/25

Caída do Pittosporum undulatum na Alameda de Vigo tralo Herminia

Amigas das Árbores solicitamos ao Concello de Vigo e á Estación Fitopatolóxica do Areeiro un informe sobre as causas da caída do Pittosporum undulatum monumental na Alameda.

A Asociación Amigas das Árbores alerta sobre o impacto das actividades masivas na Alameda
de Vigo, como a feira Cíes Market, e esixe unha investigación técnica que determine as causas
da caída onte dunha das árbores emblemáticas do xardín histórico.


Unha perda significativa para o patrimonio natural de Vigo
O recente colapso dun Pittosporum undulatum monumental no xardín histórico da Alameda de
Vigo, durante a borrasca Herminia, representa unha grave perda para o patrimonio natural e
cultural da cidade. Este exemplar, parte esencial dun espazo catalogado polo seu valor
histórico, sufriu unha caída que podería ter causas máis aló das condicións meteorolóxicas
extremas.
Tal e como ten xa denunciado, a Asociación Amigas das Árbores considera que o impacto
acumulado das actividades realizadas na Alameda, especialmente a instalación anual do Cíes
Market, podería ser un factor coadxuvante. A compactación do solo pola circulación de
maquinaria pesada e a alta afluencia de persoas, así como a presión sobre as raíces e a perda
doutros exemplares próximos, poderían ter contribuído a debilitar a estabilidade da árbore.

Unha chamada á responsabilidade institucional
Amigas das Árbores presentou un escrito formal ao Concello de Vigo solicitando:

  1. Un informe técnico completo sobre as causas da caída: avaliando o estado do solo, as raíces do exemplar e o impacto das actividades realizadas na Alameda.
  2. Consulta á Estación Fitopatolóxica do Areeiro: para obter unha análise independente e experta que identifique todos os factores que contribuíron á caída do Pittosporum monumental.
  3. Medidas preventivas: realizar avaliacións urxentes do estado doutras árbores da Alameda e revisar o uso do xardín histórico como espazo para eventos masivos que poidan poñer en risco o seu patrimonio natural.
"Non só debemos lamentar esta perda, senón actuar con responsabilidade para evitar que
volvan ocorrer casos similares. A Alameda é un espazo protexido que merece ser tratado con
coidado e respecto, afastándoo de actividades incompatibles cos seus valores culturais e
naturais
."

Impacto das actividades na Alameda
Amigas das Árbores denuncia que actividades como o Cíes Market, que ocupa a Alameda
durante catro meses ao ano, están xerando un impacto acumulado que pon en perigo a súa
integridade. Entre os efectos identificados pola Asociación, destacan:

  • Compactación do solo, dificultando a absorción de auga e nutrientes polas raíces.
  • Afectación á estabilidade e saúde das raíces estruturais e de ancoraxe.
  • Perda e deterioro de masa arborada e desintegración da rede radicular subterránea, que ofrece protección mutua entre as árbores.
Unha oportunidade para cambiar
A caída do Pittosporum monumental debe ser un punto de inflexión para repensar a xestión do xardín
histórico da Alameda. A Asociación fai un chamamento ao Concello e á cidadanía para que se
adopten medidas urxentes de preservación e se reavalié o uso do espazo para eventos que
poidan comprometer o seu futuro.

Escrito enviado ao Concello


Documentación adicional:

Denuncia anterior de Amigas das Árbores sobre o impacto do Cíes Market na conservación da
Alameda

Escrito á Dirección xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para que exerza as dúas
competencias de protección do Xardín Histórico da Alameda de Vigo










20/01/25

Denunciamos que as árbores de Vigo continúan aturando os pesados cables de leds

NOTA DE PRENSA

AS ÁRBORES DE VIGO SEGUEN ASFIXIADAS POLOS CABLES DAS LUCES DE NADAL: URXE UNHA RETIRADA RESPONSABLE E INMEDIATA

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo quere expresar a súa profunda preocupación pola situación do arborado urbano que segue afectado polo cableado das luces de Nadal. A pesar de que estas foron apagadas oficialmente o pasado 12 de xaneiro, as árbores continúan asfixiadas polos cables e estruturas que permanecen instaladas, obstaculizando o seu crecemento natural e causando danos progresivos nas plantas.

Como evidencian as fotografías que adxuntamos, a deixadez na retirada do cableado está xerando situacións críticas. As árbores medran, florecen e o cableado, lonxe de ser retirado a tempo, está quedando atrapado no interior das ponlas e da estrutura vexetal. Este atraso non só incrementa os danos xa causados, senón que, ademais, complica o proceso de retirada, facendo imprescindible unha actuación urxente que sexa coidadosa e respectuosa co arborado.

Dende Amigas das Árbores lembramos que este problema xa foi obxecto dunha denuncia previa ao Concello de Vigo, alertando sobre os perigos das “podas” extremas e de instalar decoración lumínica directamente sobre as árbores. Non obstante, a situación non mellorou, e a tardanza actual na retirada supón un grave incumprimento dos deberes de protección do patrimonio arbóreo da cidade e a continuidade nunha práctica prohibida expresamente polas ordenanzas municipais de medio ambiente de Vigo.

Liberamos esta árbore. Varios quilos  de cables
nun pequeno exemplar de magnolia florecida.

É fundamental destacar que as árbores urbanas non son meros elementos decorativos, senón un recurso vital que aporta innumerables beneficios á cidadanía, como a mellora da calidade do aire, a redución do ruído e a creación de espazos de sombra e benestar. Danalas ou non protexelas adecuadamente é unha irresponsabilidade que ten consecuencias ambientais e sociais.

Exiximos:

  1. A retirada inmediata do cableado e das estruturas das luces de Nadal, priorizando o coidado das árbores e evitando calquera acción que poida causarles danos adicionais.

  2. O estrito cumprimento da vixente Ordenanza municipal de Espazos naturais e zonas verdes que prohibe a instalación directa de elementos lumínicos sobre o arborado, evitando volver a facelo en futuras campañas, promovendo alternativas decorativas que respecten o patrimonio vexetal da cidade.

  3. Unha revisión e mantemento adecuado das árbores afectadas, con intervencións que garantan a súa recuperación e a preservación da súa saúde.

Facemos un chamamento ao Concello de Vigo para que demostre o seu compromiso co medio ambiente e cos espazos verdes da cidade, actuando con responsabilidade e dilixencia ante esta problemática.

Desde Amigas das Árbores continuaremos vixiantes e non descartamos emprender novas accións de denuncia pública ou xurídica se esta situación persiste.