03/01/25

Instamos á Xunta de Galicia a que cumpra as súas obrigas legais na protección do Xardín histórico da Alameda

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo presenta unha reclamación ante a Xunta de Galicia para a protección da Alameda de Vigo polo impacto sobre o patrimonio da instalación do “Cíes Market” no Xardín histórico.

A Asociación Amigas das Árbores anunciou a presentación dunha reclamación formal ante a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, solicitando a súa intervención para garantir o cumprimento da lexislación en materia de patrimonio cultural e a protección da Alameda de Vigo, un xardín histórico catalogado como ben cultural no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade.

Esta acción responde á preocupación pola instalación anual do "Cíes Market" na Alameda, un evento que durante case catro meses ao ano transforma este espazo emblemático nun mercado masivo de casetas de madeira, iluminación artificial e megafonía, que atrae un elevado número de visitantes e implica un uso intensivo de maquinaria pesada e vehículos para a súa montaxe, desmontaxe e subministros diarios.

A Asociación denuncia que esta actividade está a provocar danos significativos nos valores que motivaron a catalogación da Alameda como ben cultural, destacando:

  • Compactación do solo e deterioro das raíces das árbores centenarias, que comprometen a súa estabilidade e saúde. Colocación de cableado no arborado centenario.

  • Contaminación lumínica e acústica, que afecta á avifauna e ao equilibrio ecolóxico do xardín.

  • Desvirtuación do carácter histórico e cultural da Alameda, transformada durante meses nun espazo comercial alleo ao seu uso orixinal.

  • Risco para a seguridade pública, xa que o debilitamento das árbores podería derivar en desprendementos ou caídas de exemplares.


A Asociación lembra que, segundo o artigo 30 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, a Alameda de Vigo, ao estar incluída no PXOM, forma parte do Catálogo Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Calquera intervención no xardín, incluídas instalacións temporais, require unha autorización previa da Xunta de Galicia, conforme ao artigo 39 da mesma lei e na Instrución de 8 de novembro de 2017 que desenvolve os criterios para o trámite de autorizacións en bens catalogado

Na reclamación presentada, a Asociación solicita á Consellería de Cultura:

  1. Que requira ao Concello de Vigo a solicitude do informe previo obrigatorio para calquera intervención na Alameda, incluíndo a instalación do "Cíes Market".

  2. Que avalíe a compatibilidade deste evento cos valores patrimoniais e ambientais que motivaron a catalogación da Alameda como xardín histórico.

Así mesmo, instan ao Concello de Vigo a buscar localizacións alternativas para este tipo de eventos que non comprometan bens catalogados nin afecten o seu uso público.

"A Alameda de Vigo é un dos espazos históricos e naturais máis valiosos da nosa cidade. Transformala cada ano nun mercado comercial durante catro meses non só vai en contra dos seus valores culturais, senón que ameaza a súa integridade física e ambiental. É imprescindible que as administracións cumpran coas súas obrigas legais e protexan este ben único para as xeracións presentes e futuras", declarou un representante da Asociación Amigas das Árbores.

Con esta acción, a Asociación reafirma o seu compromiso coa defensa do patrimonio cultural e natural de Vigo e fai un chamamento á cidadanía para apoiar a protección da Alameda como símbolo da historia, cultura e biodiversidade da cidade.

Ver escrito completo á Xunta de Galicia




























Ningún comentario:

Publicar un comentario

Interésanos moito a túa opinión