Amosando publicacións coa etiqueta Monte do Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Monte do Castro. Amosar todas as publicacións

28/05/26

O moucho de orellas entre nós

Amigas das Árbores celebra a presenza do Moucho de Orellas en varios espazos verdes ameazados de Vigo

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo quere compartir coa cidadanía unha noticia tan fermosa como esperanzadora: nestes últimos días foi detectada a presenza e o canto do Moucho de Orellas (Otus scops) en distintos espazos verdes da cidade, entre eles a Finca Matías, a Alameda, a Falperra e o Parque do Castro.

A presenza desta elegante ave nocturna, discreta e cada vez menos frecuente nos ámbitos urbanos, constitúe un auténtico indicador da importancia ecolóxica destes espazos arborados, así como da necesidade da súa conservación fronte ás continuas agresións urbanísticas e arboricidas que sofren.

Non deixa de resultar significativo que os lugares onde se está a escoitar este moucho coincidan precisamente con zonas ameazadas ou sometidas nos últimos anos a podas agresivas, talas, compactación do solo ou proxectos de forte impacto sobre o arborado. É o caso da Finca Matías, actualmente ameazada por un proxecto de megaparque infantil incompatible coa conservación do seu carácter natural; da Alameda de Vigo, sometida á presión do Cíes Market; da Falperra ou do Parque do Castro, escenarios habituais de mutilacións e eliminación de arborado maduro.

O Moucho de Orellas é unha especie ligada a masas arbóreas tranquilas e relativamente maduras, nas que atopa refuxio, alimento e condicións adecuadas para o descanso e a cría. A súa presenza lembra que os parques urbanos non son simples decoracións nin espazos baleiros á disposición de calquera evento ou obra, senón auténticos ecosistemas urbanos que albergan biodiversidade e cumpren unha función ambiental esencial.

Desde Amigas das Árbores queremos tamén facer un chamamento á sensibilidade e á información da cidadanía. O canto nocturno destas aves forma parte da vida natural da cidade e non debe ser interpretado como unha molestia ou un “ruído estraño”, evitando situacións esperpénticas como as vividas recentemente en Vigo, onde se chegou a mobilizar investigacións policiais por sons nocturnos que probablemente forman parte da fauna urbana.

A convivencia coa biodiversidade require coñecemento, respecto e unha nova cultura urbana menos obsesionada co control absoluto do espazo e máis consciente do valor da natureza que aínda sobrevive entre nós.

Amigas das Árbores considera que esta inesperada “visita” do Moucho de Orellas debería servir tamén como advertencia: cada árbore madura talada, cada poda salvaxe e cada espazo natural degradado supoñen unha perda irreparable non só paisaxística, senón tamén ecolóxica.

Nunha cidade cada vez máis artificializada, a presenza desta ave nocturna constitúe unha pequena pero valiosa lección: a biodiversidade aínda resiste en Vigo. A cuestión é se a cidade estará disposta a respectala.



25/11/25

O Concello continúa a talar árbores no Castro... cos bombeiros!


Amigas das Árbores rexistramos hoxe o seguinte escrito no Concello de Vigo:

ASUNTO: Solicitude de paralización inmediata das talas no Parque do Castro e denuncia do incumprimento do Prego de Condicións de mantemento das zonas verdes e da Ordenanza Municipal de Zonas Verdes.)

EXPÓN

Que durante os días 24 e 25 do novembre actual, asociadas de Amigas das Árbores de Vigo constataron a realización de talas de árbores no Parque do Castro —espazo catalogado e de especial protección histórica, paisaxística, botánica e cultural— levadas a cabo polo Servizo de Bombeiros de Vigo, empregando maquinaria pesada e realizando cortes de tronco e retirada de exemplares aparentemente sans ou sen evidencia de risco estrutural.

Na imaxe que achegamos (onde se aprecia un grupo de persoas con roupa laboral e un vehículo do servizo de bombeiros executando labores de corte dunha árbore), obsérvase que se están realizando operacións de apeo e tala, malia que:

  1. Non consta comunicación pública nin sinalización de perigo que xustifique unha intervención de emerxencia.

  2. Non se facilitou, pese a solicitalo, informe técnico previo, motivado e asinado por persoal cualificado, tal e como esixe o Prego de Condicións Técnicas do contrato de mantemento das zonas verdes (Expte. 12853/446).

  3. Non hai presenza identificada de técnico responsable in situ, obrigatoria para autorizar e supervisar calquera tala segundo o devandito Prego.

  4. A execución das talas por parte do Servizo de Bombeiros constitúe unha anomalía administrativa, pois este corpo só pode actuar en tarefas non propias do seu servizo en caso de risco inminente para a seguridade, o que non foi acreditado en ningún momento.

  5. A Contrata Acciona-Mantén, segundo o contrato vixente, é a autorizada para executar estes traballos de mantemento, sempre previa xustificación técnica, e non consta que esté intervindo cos seus medios propios neste caso, o que pode constuir un uso indebido de medios municipais para minimizar custos obrigatorios á Contrata.

  6. A situación resulta especialmente grave tendo en conta que a nosa asociación presentou recentemente un escrito rexistrado denunciando o informe técnico de Acciona relativo a actuacións no Castro, sen que o Concello dera resposta ningunha.

O conxunto destes feitos podería supoñer incumprimento do Prego de Condicións, da Ordenanza Municipal de Zonas Verdes e Espazos Naturais, e das obrigas da administración local respecto ao arborado urbano e das normas de protección incluidas na ficha do Catálogo de Bens Culturais do PXOM.

SOLICÍTASE

  1. A paralización inmediata de calquera tala ou apeo en curso no Parque do Castro, salvo situación acreditada e documentada de risco extremo.

  2. Que se remita con carácter urxente a esta asociación:

    • Informe técnico previo que xustifique cada tala realizada nestes días.

    • Nome e titulación da persoa técnica responsable que autorizou e supervisou as actuacións e do/a técnico/a presente in situ durante eses apeos.

    • Copia da orde de intervención emitida ao Servizo de Bombeiros.

    • Informe de avaliación de risco do exemplar ou exemplares retirados.

  3. Que se aclare por escrito:

    • Por que non se empregou á empresa concesionaria Acciona Mantén, tal e como obriga o contrato.

    • Se existe un plan municipal de “apertura de vistas” ou eliminación de arborado no Castro por razóns alleas ao seu estado de conservación e función ecolóxica e paisaxística, tal e como suxiren as actuacións observadas agora e as, neste sentido, realizadas polo Concello nos últimos anos.

  4. Que se restaure o cumprimento estrito da Ordenanza Municipal de Zonas Verdes e do Prego de Mantemento e se redacte e tramite un Plan Especial de Protección do Parque do Castro.

  5. Que o Concello repare a súa conducta de falta de resposta sistemática ás comunicacións formais da cidadanía organizada, en vulneración do dereito recoñecido pola Lei 39/2015.

SOLICITUDE FINAL

Dada a gravidade das actuacións e o dano irreversíbel que poden causar nun espazo de alto valor patrimonial e natural como o Parque do Castro, solicitamos resposta e actuación inmediata, así como a suspensión cautelar de calquera actuación non xustificada tecnicamente conforme aos criterios de referencia en materia de arboricultura, para validar este tipo de informes.

Sen outro particular, e agardando unha resposta conforme á lei e ao respecto debido á cidadanía,

Asociación Amigas das Árbores de Vigo







23/11/25

O Parque do Castro ante outra tala inxustificada

O Parque do Castro ante outra unha tala inxustificada: por que o informe de Acciona non cumpre mínimos técnicos.

O monte do Castro é un dos espazos verdes máis valiosos de Vigo: un parque catalogado polo PXOM, de especial interese botánico, histórico e paisaxístico. Non só é un pulmón verde no centro urbano, senón tamén un xardín histórico cuxo deseño, composición e madurez arbórea forman parte da memoria cultural da cidade. Por iso, calquera intervención no arborado —e especialmente unha tala— debe basearse en informes robustos, metodoloxías contrastables e decisións transparentes.

Con todo, o documento presentado por Acciona, contrata do mantemento das zonas verdes municipais, para xustificar unha nova tala significativa no parque, non ofrece garantías suficientes nin cumpre co rigor técnico mínimo esixible nun espazo protexido.

1. Un informe sen metodoloxía nin criterios verificables

A primeira e máis grave eiva do informe é a ausencia absoluta de metodoloxía. Un documento desta natureza debería describir con claridade:

  • o método de avaliación empregado (VTA, SIA, QTRA…),
  • os criterios utilizados para determinar risco estrutural,
  • as probas diagnósticas realizadas (tomografía, resistografía, sondaxes, análise fitopatolóxica),
  • indicadores obxectivos de dano ou deterioro,
  • bibliografía e normativa de referencia.

Nada disto aparece. En lugar diso, atopamos afirmacións xenéricas, valoracións vagas e unha diagnose imposible de contrastar. Un informe técnico serio debe permitir replicar o proceso e verificar a conclusión; neste caso, resulta imposible.

2. Descrición insuficiente dos exemplares e ausencia de alternativas

O documento clasifica diversos exemplares como “secos”, “en mal estado” ou “sen recuperación posible”, pero sen:

  • porcentaxes de seca ou perda de follaxe,
  • graos de afectación da copa ou presenza de podremias,
  • identificación de patóxenos,
  • análise do historial de podas anteriores (moitas delas severas e con impacto acumulativo),
  • descrición das condicións de solo, compactación ou estrés hídrico,
  • avaliación de cargas ou inclinación.

As fotografías —mesmo as xeorreferenciadas— non sosteñen unha diagnose sólida. Varias árbores amosan debilitamento, pero non necesariamente morte total nin risco inminente.

Nunha xestión arborícola responsable, a tala é sempre a última opción, e deben valorarse previamente:

  • podas de seguridade,
  • reducción de copa moderada,
  • melloras no solo e hidratación,
  • tratamentos fitosanitarios,
  • seguimento periódico monitorizado.

Nada no informe indica que se analizasen estas alternativas.

3. Ignorancia do carácter catalogado e do valor histórico do parque

Nun espazo protexido e recoñecido polo seu valor botánico e paisaxístico, é obrigatorio avaliar:

  • o impacto das talas no conxunto do arboredo,
  • a alteración da composición e lectura paisaxística,
  • a afección aos valores histórico-botánicos do parque,
  • a coherencia coas prescricións do PXOM.

O informe trata o Castro como se fose unha zona verde calquera, omitindo por completo o seu carácter singular como xardín histórico en altura, con exemplares maduros e unha estrutura arbórea case centenaria.

4. As fotografías xeorreferenciadas non compensan a falta de análise

A inclusión de imaxes xeorreferenciadas é positiva, pero insuficiente. Unha fotografía non permite avaliar:

  • o estado interno da madeira,
  • a estabilidade estrutural,
  • a presenza de podremias internas,
  • o grao de risco real,
  • o impacto acumulado de podas pasadas.

Sen probas instrumentais nin parámetros cuantificativos, a diagnose queda reducida a unha observación superficial.

5. Un histórico de talas que require explicación

Nun artigo recente de Anton Lois na Voz de Galicia, no que se critica o informe de Acciona e se denuncian as actuacións do Concello no Parque do Castro, indícase que en oito anos cortáronse 31 árbores no Monte do Castro. Este dato revela que non estamos ante un episodio illado, senón ante un proceso continuado de redución do arborado nun dos parques máis emblemáticos da cidade.

Un histórico así demanda:

  • explicación detallada das causas,
  • documentación técnica transparente,
  • avaliación do impacto acumulativo sobre o ecosistema do parque,
  • publicación dos informes asociados a cada tala.

A cidadanía ten dereito a coñecer que está a ocorrer co arborado dun espazo catalogado e especialmente sensible.

6. Que esiximos desde Amigas das Árbores de Vigo

Á vista destas deficiencias, consideramos imprescindible solicitar:

1. Suspensión inmediata de calquera tala baseada nun informe insuficiente.

2. Avaliación independente por parte de profesionais externos

Especializados en arboricultura, biomecánica e conservación do patrimonio natural.

3. Publicación íntegra de todos os informes técnicos

Incluíndo metodoloxías, probas, alternativas estudadas e planos de situación.

4. Inventario e histórico detallado das talas no Castro

Nos últimos dez anos: especie, idade estimada, diámetro, motivo e documentación asociada.

5. Cumprimento estrito das prescricións de protección do PXOM

Incluíndo a obriga de preservar o carácter histórico e paisaxístico do parque.

O Castro merece rigor e proteccion, non improvisación

O parque do Castro non é só un espazo verde: é un lugar de memoria, un xardín histórico, un símbolo da cidade. As súas árbores non poden ser tratadas como elementos substituíbles nin xestionadas con informes apresurados.

O dato de 31 talas en oito anos reforza a necesidade dunha revisión profunda do modelo de mantemento e dunha maior transparencia. A conservación responsable do arborado urbano require metodoloxía, ciencia, planificación e respecto polo patrimonio.

Desde Amigas das Árbores de Vigo seguiremos vixiando, documentando e defendendo este espazo único, porque a saúde do Castro é tamén a saúde ambiental e cultural da nosa cidade.

Accede aquí ao escrito que presentamos no Rexistro do Concello de Vigo coa análise crítica do informe xustificativo de tala redactado pola Contrata de Mantement de Zonas verdes, Acciona/Mantén.

04/07/25

O Rally Rías Baixas "recupera" unha proba no Monte do Castro: que barbaridade é esta?

O RALLYE RÍAS BAIXAS 2025 CONVIRTE O MONTE DO CASTRO NUNHA PISTA DE CONTAMINACIÓN: A HIPOCRISÍA INSTITUCIONAL DESENMASCARADA 

En plena onda de calor, coa cidade promovendo políticas de baixas emisións e mobilidade sostible, resulta absolutamente inxustificable que se permita a entrada de ducias de vehículos de competición a escape libre nun dos poucos espazos naturais urbanos da cidade, con consecuencias graves para a fauna, o arborado histórico e a veciñanza.

Por que rexeitamos o tramo do Castro:

  • Monte do Castro, con 21 hectáreas de superficie e árbores centenarias, é recoñecido como unha zona de elevado valor ambiental, arqueolóxico e paisaxístico, sendo considerado a "única illa verde de suficiente tamaño" no centro urbano.

  • ruído e a contaminación producidos por coches de competición provocan un impacto directo sobre a avifauna urbana, especialmente en período de aniñamento, e xerarán estrés e abandono de niños.

  • A actividade pon en risco o arborado e causa degradación do solo, compresión, erosión e danos mecánicos en zonas relevantes do parque.

  • A iniciativa contravén o que se supón que debe ser un parque botánico e de lecer ambiental, transformándoo nun circuíto temporal de espectáculo e velocidad.

"Este espazo non é un circuíto deportivo. É un parque para as persoas, para a natureza e para a xente que busca sombra, silencio e aire limpo", recoñecen desde a Asociación.

- ¿Por qué se recupera este tramo despois de anos eliminado se sabemos que é un atentado ecolóxico? 

¿Como se xustifica que vehículos de combustión libre (moitos sen filtros antipartículas) rugan nunha zona declarada de interese natural e histórico?

Non é casualidade: é elección política. Permitir que o Rallye Rías Baixas arrase o Monte do Castro é unha mostra de cinismo institucional. Mentres cidades europeas pechan centros históricos a coches, Vigo regresa aos anos 70. Isto non é progreso: é barbarie ambiental disfrazada de espectáculo. 

Unha decisión que, en plena crise climática e promesas de "sostibilidade", expón a traxedia da desconexión política coa realidade ambiental de Vigo. 

Desde Amigas das Árbores esiximos aos organizadores, ao Concello de Vigo e aos patrocinadores públicos do evento, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia:

  1. Suspender de inmediato o tramo urbano no Monte do Castro, antes de que se produzan impactos irreparables.

  2. Iniciar un proceso de revisión ambiental do uso de espazos públicos que impida actividades de motor neste tipo de parques urbanos.

  3. Comprometerse públicamente a promover eventos compatibles coa conservación, como actividades de observación natural, pedagoxía ambiental ou lecer calmado, coherentes coas zonas de baixas emisións e co modelo de cidade saudable.