15/11/24

Manifesto fundacional

Manifesto Fundacional da Asociación 
Amigas das Árbores de Vigo

Hoxe máis ca nunca, as árbores que habitan as nosas cidades son imprescindibles para garantir un futuro sostible e saudable. A urxencia climática e os desafíos ambientais aos que nos enfrontamos, fan da natureza urbana unha aliada vital para o benestar humano e para a conservación da biodiversidade. Porén, en Vigo estamos a ser testemuñas dunha vaga de destrución do noso patrimonio natural urbano: árbores adultas están sendo talladas sen razóns xustificadas, e o noso arborado urbano está a sufrir podas drásticas que comprometen a súa saúde e contribución ecolóxica e son maltratadas cada ano ao pendurarlles e amarrar nas súas ponlas cables e guirnaldas.

É por iso que nace a Asociación Amigas das Árbores, unha organización sen ánimo de lucro cuxo obxectivo primordial é defendermos e promovermos o coidado e conservación do arborado e da biodiversidade urbana. Fundámonos desde o convencemento de que as árbores non son só elementos decorativos na cidade, senón seres vivos imprescindibles que contribúen a mellorar a calidade do aire, a regular a temperatura, a proporcionar espazos de lecer, benestar e saúde, e a preservar a biodiversidade.

Como asociación, queremos:


  • Defender a conservación do arborado urbano, das zonas verdes da cidade e da biodiversidade que albergan.Cada árbore é unha peza clave no equilibrio ecolóxico; a súa preservación debe ser prioritaria fronte a calquera proxecto que ameace con reducilas ou danalas.

  • Fomentar o coñecemento e a implicación cidadá no coidado e conservación da natureza urbana. Apostamos por unha educación ambiental que fomente o respecto e aprecio pola natureza que nos rodea, e cremos firmemente que a cidadanía ten un papel esencial na súa protección e mellora.

  • Denunciar as agresións cometidas contra o patrimonio natural. A destrución de árbores sanas e podas inadecuadas non deben quedar impunes. É deber da nosa asociación erguer a voz en defensa do noso patrimonio verde, esixindo prácticas sostibles e responsables.

  • Promover o incremento das zonas verdes e a súa biodiversidadeQueremos unha cidade máis verde, con máis espazos naturais e con máis especies que fagan da nosa cidade un lugar máis habitable para todos os seres vivos.

  • Conservar e apreciar a natureza urbana como patrimonio natural  Cada árbore, cada espazo verde, son parte do noso legado histórico e natural, algo que debemos preservar non só para o noso benestar presente, senón como recoñecemento do traballo e sabedoría dos nosos antergos e como legado natural para as xeracións futuras.

A nosa asociación convoca a toda a cidadanía a unirse nós. Xuntas e xuntos, podemos transformar Vigo nun modelo de sustentabilidade, onde a natureza non sexa unha vítima dun suposto progreso, senón unha aliada indispensable para un futuro mellor.

Animámoste a formar parte deste proxecto de esperanza, defensa e amor polas nosas árbores e de defensa da biodiversidade urbana. 

Porque sen natureza, non hai futuro.

Asociación Amigas das Árbores, novembro de 2024

Correo-e: amigasdasarboresvigo@gmail.com

Instagram: @amigasdasarboresvigo

X: @Amigas_arbores

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Interésanos moito a túa opinión