A Asociación Amigas das Árbores de Vigo presenta un escrito ao Concello esixindo o fin das podas drásticas e da instalación de luces decorativas nas árbores urbanas.
Vigo, 11 de novembro de 2024 – A Asociación Amigas das Árbores de Vigo presentou hoxe un escrito dirixido ao alcalde de Vigo, no que esixe a revisión e cesamento das prácticas de poda drástica e da colocación de cableado e iluminación decorativa sobre o arborado urbano. A asociación, que ten como obxectivo a protección e conservación do patrimonio arbóreo da cidade, expresa a súa profunda preocupación pola repetición de podas severas que afectan a vitalidade das árbores, así como pola colocación de luces e outros elementos decorativos que, segundo denuncian, vulneran a normativa municipal e comprometen a saúde e a integridade das árbores.
Segundo a Asociación Amigas das Árbores, estas prácticas non só infrinxen a Ordenanza de Zonas Verdes e Espazos Naturais de Vigo, que establece criterios de mínima intervención para a poda, senón que tamén incumpren o Prego de Condicións do contrato de mantemento das zonas verdes. No escrito, a asociación advirte que as podas severas alteran o crecemento natural das árbores, debilitándoas e facéndoas máis vulnerables a pragas e enfermidades. Pola súa parte, a instalación de luces nas copas impón tensións adicionais sobre as ramas e altera os ciclos biolóxicos das árbores, afectando tanto ao ecosistema urbano como á fauna local.
A asociación insta ao Concello a cesar estas prácticas e propón que busque alternativas de iluminación para o Nadal que non interfiran co arborado urbano, garantindo así un compromiso co medio ambiente e a biodiversidade na cidade. Escrito:
ESCRITO PRESENTADO AO CONCELLO DE VIGO O 11 DE NOVEMBRO DE 2024
A Asociación Amigas das Árbores de Vigo, con CIF G19431709, e domicilio a efectos de notificación no e-mail amigasdasarboresvigo@gmail.com, no seu labor de protección e conservación do patrimonio arbóreo e da biodiversidade da nosa cidade,
EXPÓN
Dende a Asociación de Amigas das Árbores de Vigo, queremos expresar a nosa fonda preocupación e protesta polas prácticas que se están a levar na nosa cidade no mantemento e “ornamentación” do arborado urbano, especificamente en relación coas podas drásticas e a colocación de iluminación decorativa e cableado sobre as árbores, especialmente durante o período de Nadal.
Tras unha análise detallada da normativa aplicable, consideramos que estas prácticas vulneran tanto a Ordenanza de Zonas Verdes e Espazos Naturais do Concello de Vigo1 como o Prego de Condicións para o Mantemento das Zonas Verdes que regula os aspectos técnicos que deben rexer o contrato actualmente vixente coa UTE Acciona-Mantén2 e que constitúe, xunta co Prego de Condicións Administrativas e a Oferta do adxudicatario, a “Lei do Contrato”.
Salientamos, con grande preocupación polo futuro da nosa masa arbórea urbana e da saúde da poboación en tempos de emerxencia climática, que esta práctica irregular se vén repetindo ao longo do ano, e ano tras ano, e constatamos que neste 2024 se extendeu e se acentuou, especialmente nas últimas semanas, co que parece unha “preparación” concertada previa para “acomodar” a forma das copas para servir como mero mobiliario, soporte do pesado cableado do alumeado navideño.
En síntese expóñense de seguido a inadecuación á normativa municipal e os efectos negativos destas prácticas, razóns polas cales solicitamos unha revisión urxente das mesmas:
1. Impacto das podas drásticas sobre o arborado urbano
A Ordenanza de Zonas Verdes do Concello de Vigo establece que as podas deben realizarse seguindo criterios de “mínima intervención e máxima conservación”. As podas drásticas observadas, con desmochados e eliminación de grandes porcións das copas das árbores, incumpren estes principios ao afectar a súa capacidade de fotosíntese e provocar un impacto negativo na súa estrutura e saúde. Estas intervencións severas alteran o crecemento natural das árbores, provocando unha perda significativa de masa foliar, o que debilita a árbore e a fai máis susceptible a pragas, enfermidades e factores ambientais adversos.
Esta práctica incumpre tamén o Prego de Condicións para o Mantemento das Zonas Verdes, que especifica que as intervencións deben estar orientadas á “preservación da integridade e o valor estético e ecolóxico do arborado urbano”. O prego esixe que as prácticas de poda favorezan un desenvolvemento saudable das árbores e respecten a súa forma e estrutura naturais, o que non se está a cumprir coas podas severas que se realizan actualmente.
2. Colocación de Elementos decorativos sobre as árbores e o seu efecto negativo
A Ordenanza de Zonas Verdes prohibe expresamente a colocación de elementos sobre as árbores, incluíndo luces, guirlandas ou calquera tipo de cableado. Esta prohibición responde á necesidade de protexer as árbores contra danos físicos e tensións adicionais que poidan comprometer a súa estrutura. A instalación de luces e decoracións sobre as copas das árbores durante o período de Nadal engade peso ás ramas, someténdoas a un estrés mecánico que pode danar a árbore, especialmente se xa foi debilitada por podas agresivas.
Ademais do estrés mecánico, a exposición prolongada á luz artificial afecta aos ciclos biolóxicos das árbores. As árbores dependen dun ciclo natural de luz e escuridade para regular o seu crecemento e adaptación estacional. A luz artificial durante varios meses altera este ciclo, afectando o proceso de dormancia invernal e podendo provocar cambios prematuros na floración e brotación. Estes efectos non só afectan á vitalidade das árbores, senón que tamén poden interferir no equilibrio do ecosistema urbano, ao afectar a fauna local, particularmente a avifauna que utiliza as árbores como lugar de aniñamento, refuxio e punto de descanso.
3. Incompatibilidade coa normativa municipal e o prego de condicións
O Prego de Condicións para o Mantemento das Zonas Verdes establece que todas as actuacións sobre o arborado urbano deben realizarse respectando a normativa de protección ambiental e evitando prácticas que poidan causar danos. A combinación de podas drásticas coa instalación de luces e cableado sobre as árbores vulnera estes principios e representa unha dobre ameaza para a súa saúde e integridade.
As podas severas debilitan a árbore estruturalmente, e a colocación de iluminación engade unha presión adicional sobre as ponlas restantes. Esta práctica é incompatible cos obxectivos de conservación e mínima intervención que deberían rexer o mantemento do arborado urbano segundo o prego. Ademais, estas prácticas desvirtúan e diminúen o valor ecolóxico, saudable e paisaxístico das árbores, comprometendo a súa función como elemento de mellora ambiental e estética na cidade, así como a da transcendental de preservación da saúde da poboación.
En función do anterior,
ESIXIMOS
En virtude das disposicións da Ordenanza de Zonas Verdes e do Prego de Condicións para o Mantemento das Zonas Verdes, solicitamos formalmente ao Concello de Vigo que revise as prácticas de mantemento e ornamentación do arborado urbano, en particular:
O cese das podas drásticas que non cumpran co criterio de mínima intervención, favorecendo en cambio prácticas de poda que respecten a morfoloxía natural das árbores e contribúan á súa preservación a longo prazo.
Suspensión da instalación de iluminación decorativa sobre as árbores e retirada inmediata do cableado e guirnaldas xa colocadas, en estrito cumprimento da prohibición recollida na ordenanza, que busca protexer as árbores de danos físicos e estrés innecesario.
Implementación de alternativas de iluminación para o Nadal, que non interfiran co arborado urbano.
A protección do arborado urbano é esencial para garantir a calidade de vida e saúde dos habitantes de Vigo e preservar a biodiversidade no medio urbano. As árbores urbanas son un recurso valioso que require un coidado adecuado e o cumprimento estrito das normativas municipais é fundamental para asegurar a súa importante función ecolóxica, o seu futuro e o seu papel como parte do patrimonio natural da cidade.
Agradecemos de antemán a súa atención e quedamos á disposición do Concello para colaborar no deseño de alternativas que respecten o patrimonio verde e contribúan a un Nadal sustentable e respetuoso co medio ambiente.
É de xustiza.
Atentamente,
A Presidenta
Asociación de Amigas das Árbores de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Interésanos moito a túa opinión