ANTECEDENTES
1. Con data de Rexistro 23/12/2024 esta Asociación presentou no rexistro da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, escrito (num 2024/3579978) no que se recollía o impacto do chamado Cíes Market sobre o xardín histórico da Alameda/Praza de Compostela de Vigo e se solicitaba o cumprimento das obrigas legais da Xunta de Galicia verbo da protección deste ben histórico e o exercizo da potestade de autorización para este tipo de uso intensivo dun espazo catalogado. Un uso que consideramos radicalmente incompatible cos valores que dan lugar á súa catalogación. Nese escrito citábanse os impactos críticos que ao noso xuízo se estaban a producir. Achegámolo como documento num 1, anexo a este.
2. Constatado a grave deterioro do Xardín da Praza de Compostela/Alameda1, e ante a inacción das administracións competentes fronte a este feito, esta Asociación solicitou á Estación Fitopatolóxica do Areeiro --organismo técnico de referencia, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra--, a realización dun estudo dalgunhas árbores na Alameda/Pza de Compostela, e nomeadamente sobre o impacto do chamado Cíes Market sobre este espazo. Petición que foi atendida e, en consecuencia, nos foi remitido o informe técnico de data 06/05/2025, que motiva este escrito e que se achega como Documento 2 anexo a este.
EXPOSICIÓN
Á vista destes antecedentes, desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo, dirixímonos a vostedes para trasladar o resultado do informe técnico emitido pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Deputación de Pontevedra), en resposta á nosa solicitude de avaliación do estado fitosanitario do arborado da Alameda de Vigo. Este informe, centrado só no estado dalgunhas árbores significativas que representan unha mostra significativa do estado xeral deste Ben, pon de manifesto un grave deterioro do arborado deste xardín histórico, derivado non só do impacto directo do Cíes Market implantado varios anos polo Concello e xestionado en concesión de uso do espazo público pola Agrupación de Empresarios en la Organización de Eventos, Ferias y Mercados de la Comunidad de Madrid (AMFE), senón tamén pola actuación deficiente a cargo da contrata para o mantemento deste espazo e a inacción por parte desa administración local.
1. Conclusións do Informe Técnico do Areeiro (Ref. Exp. 2025029075)
O informe conclúe, en síntese, que o arborado da Alameda presenta un estado preocupante de deterioro, chegando a ser crítico no caso de dous grandes exemplares, debido a:
- Compactación extrema do solo, como consecuencia, entre outras, da montaxe, instalacións e desenvolvemento de varias edicións do Cíes Market, que impiden a absorción adecuada de auga e nutrientes.
- Danos mecánicos nas raíces e nos troncos, provocados polo paso de vehículos pesados e a instalación de casetas e estruturas propias do Cíes Market e outras.
- Problemas fitosanitarios graves, como a presenza de fungos patóxenos e outros axentes daniños.
- Alteración irreversible na arquitectura das copas, resultado de podas agresivas e deficientemente executadas.
- Perda de vitalidade xeral do arborado, con numerosas ponlas secas e debilitamento estrutural.
2. Malas prácticas de mantemento: incumprimento do contrato de Acciona.
O estado do arborado non é só consecuencia do impacto do Cíes Market, senón tamén do incumprimento reiterado do prego de condicións do contrato de mantemento de zonas verdes, adxudicado á empresa Acciona, e da falta de supervisión e control por parte do Concello de Vigo. Estas malas prácticas, o impacto de actividades incompatibles coa saúde e conservación do arborado histórico, ten provocado un gravísimo deterioro especialmente nalgunhas das grandes árbores do xardín, ata o punto de que o informe da E.F. do Areeiro se indica a convenencia do seu apeo.
Entre as malas prácticas observadas destacan:
- Podas severas e mutiladoras, que contraveñen os principios do Estándar Europeo de Poda e as obrigas do prego de condicións.
- Uso de vehíxulos e maquinaria pesada no contorno do arborado.
- Falta de control fitosanitario preventivo, sen monitorización técnica do estado dos exemplares.
- Ausencia de medidas de conservación axeitadas, como a mellora do solo, descompactación e protección das raíces.
- Non reposición dos exemplares caídos con árbores de igual especie e porte, desvirtuando a identidade do xardín.
- Inacción do Concello, que permite que a contrata actúe sen control efectivo, converténdose así en actor e indutor necesario destas prácticas.
3. Un uso incompatible cos valores da Catalogación: O Cíes Market
A Alameda de Vigo é un xardín catalogado no PXOM e protexido pola normativa galega de patrimonio cultural. Porén, o seu uso como espazo para a celebración do “Cíes Market” e outras feiras é absolutamente incompatible coa conservación dos valores que motivaron a súa protección:
- A instalación de casetas, carpas, máquinas expendedoras e outros elementos de feira provoca compactación do solo e danos nas raíces, acelerando o deterioro do arborado.
- O paso de vehículos pesados e maquinaria durante meses xera vibracións e danos físicos nos exemplares.
- A exposición a luces, megafonía e afluencia masiva de persoas perturba o ecosistema e a saúde das árbores.
- A ocupación masiva durante 4 meses, impide o normal uso e disfrute deste espazo pola cidadanía e altera a súa función social e ambiental, deturpando gravemente os valores e usos propios para os que foi creado.
SOLICITA
Á vista dos resultados do informe técnico do Areeiro e das malas prácticas de mantemento constatadas e relacionadas no noso escrito de 23/12/2025 e corroboradas no informe do Areeiro, esiximos ao Concello de Vigo:
A paralización definitiva da celebración do “Cíes Market” na Praza de Compostela/Alameda, así como doutras feiras ou eventos que impliquen compactación e impacto sobre o solo, o arborado e avifauna e a deturpación do uso propio deste espazo, buscando, se é o caso, ubicacións alternativas en espazos non vulnerables e con capacidade de acollida suficiente.
A execución inmediata das medidas preventivas e correctivas incluidas no informe da E.F do Areeiro citado.
A elaboración dun plan integral de restauración e conservación da Alameda, que inclúa:
- Solicitude á Estación Fitopatolóxica do Areeiro, como institución pública de referencia nesta materia, dun estudo xa exhaustivo sobre o estado do Xardín e propostas de saneamento e conservación.
- Actuacións urxentes de mellora do solo, descompactación e aporte de materia orgánica.
- Recomposición do deseño propio do xardín, segundo criterios recollidos na Carta de Florencia, recompoñendo a imaxe deturpada pola actuación masiva de hai unha década de transformación nunha sorte de xardín tropical, enchendo parterres de fentos arborescentes e palmitos, alleos a calquera momento da evolución deste xardín e ao seu estilo e época (atendendo á última reforma histórica, a realizada nos anos 40 pola familia xardineira Turc).
- Reposición de árbores caídas ou talladas con exemplares da mesma especie.
- Podas exclusivamente de saneamento e conservación, executadas por persoal cualificado.
- Monitorización fitosanitaria periódica, con informes técnicos independentes.
- Eliminación de todos os elementos alleos ás árbores, como cables, altofalantes, bandeiras, parafusos...
4. Denunciamos que sen xustificación ningunha, o PXOM recentemente aprobado ten rebaixado o grao de protección do xardín da Alameda, dende o “estrutural” e “integral” co que se contemplaba nos planeamentos especial e xeral anteriores, ao “ambiental” neste. Isto faise a pesar de que a propia ficha do catálogo recoñece o alto valor histórico, paisaxístico, cultural e botánico deste elemento. En consecuencia solicitamos a revisión inmediata desta ficha do catálogo e a recuperación do grao de protección que require a súa importancia recoñecida expresamente: o integral.
Chamada á responsabilidade institucional
A Alameda de Vigo non é só un espazo verde, é un patrimonio vivo da cidade, un símbolo histórico e natural que require protección e respecto. O informe do Areeiro e as evidencias recollidas demostran que o seu estado actual é consecuencia directa dunha sostida no tempo xestión deficiente e agresiva do Concello de Vigo, do seu uso impropio como lugar de feira e inaxeitado mantemento, conservación e restauración. É consecuencia tamén do incumprimento por parte da Administración autonómica do exercicio das súas competencias superiores de supervisión, autorización e inspección.
Agardamos unha resposta formal e inmediata do Concello de Vigo, comprometéndose a adoptar as medidas necesarias para garantir a preservación e restauración deste espazo senlleiro.
Escritos en termos semellantes, acompañado de copia orixinal do informe citado da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Ref. Exp. 2025029075), remítese tamén, con esta mesma data, á Xunta de Galicia.
1. Incluído no Catálogo de elementos do Patrimonio do vixente PXOM de Vigo (protexido xa dende o chamado Plan Especial de Elementos e Conxuntos a Conservar (PEEC) do ano 1986 e nos sucesivos plans urbanísticos)--
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Interésanos moito a túa opinión