18/06/25

Esiximos a paralización da mutilación de arborado na rúa Pizarro, en pleno xuño e en tempo de nidificación

No día de hoxe enviamos ao Concello de VIgo, o seguinte escrito: 

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo diríxese, unha vez máis, ao Concello para expresar a súa máis firme protesta e esixir a paralización inmediata da intervención que se está a realizar sobre o arborado urbano da rúa Pizarro, consistente en podas severas e drásticas que constitúen unha nova vulneración da normativa vixente e unha agresión ecolóxica sen xustificación técnica algunha.

Denunciamos que esta actuación:

  1. Infrinxe a Ordenanza de Protección de Espazos Naturais e Zonas Verdes do Concello de Vigo, ao realizarse:

    • en época de máxima actividade vexetativa, con temperaturas extremas e plena formación da copa,

    • durante a tempada de nidificación de aves urbanas, vulnerando a normativa ambiental e o sentido común ecolóxico máis elemental.

  2. Contravén as prescricións técnicas do contrato de mantemento de zonas verdes, actualmente adxudicado á empresa ACCIONA, cuxo prego especifica claramente os criterios técnicos e temporais para a poda, que neste caso están a ser vulnerados de xeito flagrante.

  3. Viola os principios do Estándar Europeo de Poda (ETW), especialmente no relativo á conservación da estrutura natural da copa, á planificación en función da especie, idade e contorna, e á obrigatoriedade de minimizar o impacto fisiolóxico das intervencións.

  4. Atenta contra a saúde pública, ao eliminar sombras vitais nun contexto de cambio climático e ondas de calor. As copas arbóreas son elementos esenciais de confort climático urbano e redución das temperaturas e da radiación.

  5. Pode constituír unha infracción legal máis ampla, pois a reiteración destas prácticas podería dar lugar á responsabilidade do Concello por desatención sistemática das súas obrigas de control e supervisión da Contrata, así como por eventual delito ambiental ou prevaricación por omisión, segundo se determine en futuras accións legais que non descartamos impulsar.

Esta poda non é un feito illado, senón que se inscribe nunha campaña sistemática de mutilación do arborado urbano, tal como denunciamos xa formalmente no caso das rúas Marqués de Alcedo, Areal, Venezuela, Ecuador ou Teófilo Llorente. Tampouco é un erro puntual, senón unha práctica reiterada, tecnicamente inadmisible e lesiva para a cidade e o seu patrimonio verde.

EXIXIMOS:

  • paralización inmediata dos traballos na rúa Pizarro.

  • apertura dun expediente informativo urxente que determine as responsabilidades desta nova actuación ilegal.

  • comparecencia do servizo municipal correspondente, explicando os criterios técnicos (se os houbo) que avalan esta intervención.

  • depuración de responsabilidades, tanto na empresa concesionaria como nos servizos técnicos municipais que permiten ou avalan esta barbarie.

  • revisión integral do modelo de xestión do arborado urbano en Vigo, co acompañamento de persoal experto e con participación cidadá efectiva.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Interésanos moito a túa opinión