A Asociación enviou o 25/06/2025 á Xunta de Galicia, tres solicitudes relacionadas co estado do Xardín histórico da Alameda
Documento 1: Remisión do informe da Estación Fitopatolóxica do Areeiro
Documento 2: Solicitude dun Plan de Restauración integral da Alameda
Documento 3: Solicitude de recuperación do grao de protección integral para a Alameda
Así mesmo enviou ao Concello de Vigo, escrito no mesmo sentido. Ver aquí.
DOCUMENTO 1: REMISIÓN DO INFORME DA ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO SOBRE O ESTADO DO XARDÍN HISTORICO DA ALAMEDA
ANTECEDENTES
1. Con data de Rexistro 23/12/2024 desa Consellería, esta Asociación presentou (num 2024/3579978) un escrito no que se recollía o impacto do chamado Cíes Market sobre o xardín histórico da Alameda/Praza de Compostela de Vigo e se solicitaba o cumprimento das obrigas legais da Xunta de Galicia verbo da protección deste ben histórico e o exercizo da potestade de autorización para este tipo de uso intensivo dun espazo catalogado. Un uso que consideramos radicalmente incompatible cos valores que dan lugar á súa catalogación. Nese escrito citábanse os impactos críticos que ao noso xuízo se estaban a producir. Ese escrito, a data de hoxe, non tivo resposta ningunha por parte desa Admistración, obviando a obriga de respostar expresamente ás peticións da cidadanía. A ese escrito nos remitimos como antecedente num 1. do presente e damos por reproducido o seu contido.
2. Constatado a grave deterioro do Xardín da Praza de Compostela/Alameda1, e ante a inacción das administracións competentes fronte a este feito, esta Asociación solicitou á Estación Fitopatolóxica do Areeiro --organismo técnico de referencia, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra--, a realización dun estudo dalgunhas árbores na Alameda/Pza de Compostela, e nomeadamente sobre o impacto do chamado Cíes Market sobre este espazo. Petición que foi atendida e, en consecuencia, remitido o informe técnico de data 06/05/2025, que motiva este escrito e que se achega.
EXPOSICIÓN
Á vista destes antecedentes, desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo, dirixímonos a vostedes para trasladar o resultado do informe técnico emitido pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Deputación de Pontevedra), en resposta á nosa solicitude de avaliación do estado fitosanitario do arborado da Alameda de Vigo. Este informe, centrado só no estado dalgunhas árbores significativas que representan unha mostra significativa do estado xeral deste Ben, pon de manifesto un grave deterioro do arborado deste xardín histórico, derivado non só do impacto directo do Cíes Market implantado polo Concello e xestionado en concesión de uso do espazo público pola Agrupación de Empresarios en la Organización de Eventos, Ferias y Mercados de la Comunidad de Madrid (AMFE), senón tamén pola actuación deficiente a cargo da contrata do Concello de Vigo para o mantemento deste espazo e a inacción por parte desa administración local.
1. Conclusións do Informe Técnico do Areeiro (Ref. Exp. 2025029075)
O informe conclúe, en síntese, que o arborado da Alameda presenta un estado preocupante de deterioro, chegando a ser crítico no caso de dous grandes exemplares, debido a:
Compactación extrema do solo, como consecuencia, entre outras, das instalacións do Cíes Market, que impide a absorción adecuada de auga e nutrientes.
Danos mecánicos nas raíces e nos troncos, provocados polo paso de vehículos pesados e a instalación de casetas e estruturas temporais/permanentes como as do Cíes Market.
Problemas fitosanitarios graves, como a presenza de fungos patóxenos e outros axentes daniños.
Alteración irreversible na arquitectura das copas, resultado de podas agresivas e deficientemente executadas.
Perda de vitalidade xeral do arborado, con numerosas ponlas secas e debilitamento estrutural.
2. Malas prácticas de mantemento: incumprimento do contrato de Acciona.
O estado do arborado non é só consecuencia do impacto do Cíes Market, senón tamén do incumprimento reiterado do prego de condicións do contrato de mantemento de zonas verdes, adxudicado á empresa Acciona, e da falta de supervisión e control por parte do Concello de Vigo. Estas malas prácticas o impacto de actividades incompatibles coa saúde e conservación do arborado histórico, ten provocado un gravísimo deterioro especialmente nalgunhas das grandes árbores do xardín, ata o punto de que o informe da E.F. do Areeiro se indique a convenencia do apeo de dous grandes exemplares.
Entre as malas prácticas observadas destacan:
- Podas severas e mutiladoras, que contraveñen os principios do Estándar Europeo de Poda e as obrigas do prego de condicións.
- Uso de vehículos e maquinaria pesada no contorno do arborado.
- Falta de control fitosanitario preventivo, sen monitorización técnica do estado dos exemplares.
- Ausencia de medidas de conservación axeitadas, como a mellora do solo, descompactación e protección das raíces.
- Non reposición dos exemplares caídos con árbores de igual especie e porte, desvirtuando a identidade do xardín.
- Inacción do Concello, que permite que a contrata actúe sen control efectivo, converténdose así en actor e inductor necesario destas prácticas.
3. Un uso incompatible cos valores da Catalogación: O Cíes Market
A Alameda de Vigo é un xardín catalogado no PXOM e protexido pola normativa galega de patrimonio cultural. Porén, o seu uso como espazo para a celebración do “Cíes Market” e outras feiras é absolutamente incompatible coa conservación dos valores que motivaron a súa protección:
A instalación de casetas, carpas, máquinas expendedoras e outros elementos de feira provoca compactación do solo e danos nas raíces, acelerando o deterioro do arborado.
O paso de vehículos pesados e maquinaria durante meses (dende a data da montaxe ata a súa desmontaxe efectiva) xera compactación, vibracións e danos físicos nos exemplares.
A exposición a luces, megafonía e afluencia masiva de persoas perturba o ecosistema e a saúde das árbores.
SOLICITA
Á vista dos resultados do informe técnico do Areeiro e das malas prácticas de mantemento constatadas e relacionadas no noso escrito de 23/12/2025 e corroboradas no informe do Areeiro, esiximos á Xunta de Galicia:
A esixencia ao Concello de Vigo por parte da Xunta de Galicia da precepetiva solicitude de autorización do uso deste espazo catalogado para a instalación do chamado Cíes Market e, á vista do contido deste escrito, e en aras á preservación deste espazo histórico e natural, a denegación da mesma por parte da Dirección xeral do Patrimonio Cultural.
A paralización definitiva da celebración do “Cíes Market” na Praza de Compostela/Alameda, así como doutras feiras ou eventos que impliquen compactación e impacto sobre o solo, o arborado e avifauna, buscando, se é o caso, ubicacións alternativas en espazos non vulnerables e con capacidade de acollida suficiente.
A esixencia ao Concello da execución inmediata das medidas preventivas e correctivas incluidas no informe da E.F do Areeiro citado.
Que a Xunta de Galicia, como organismo competente en materia de patrimonio cultural, asuma a súa responsabilidade de supervisión e control do cumprimento da normativa de protección deste xardín histórico.
Chamada final á responsabilidade institucional
A Alameda de Vigo non é só un espazo verde, é un patrimonio vivo da cidade, un símbolo histórico e ambiental que require protección e respecto. O informe do Areeiro e as evidencias recollidas demostran que o seu estado actual é consecuencia directa dunha sostida no tempo xestión deficiente e agresiva do Concello de Vigo, do seu uso impropio como lugar de feira e inaxeitado mantemento, conservación e restauración. É consecuencia tamén do incumprimento por parte da Administración autonómica do exercicio das súas competencias superiores de supervisión, autorización e inspección.
Agardamos unha resposta formal e inmediata da Xunta de Galicia, comprometéndose a adoptar as medidas necesarias para garantir a preservación e restauración deste espazo senlleiro.
Escrito en termos semellantes, acompañado de copia orixinal do informe citado da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Ref. Exp. 2025029075), remítese tamén, con esta mesma data, ao Concello de Vigo.
1. Incluído no Catálogo de elementos do Patrimonio do vixente PXOM de Vigo (protexido xa dende o chamado Plan Especial de Elementos e Conxuntos a Conservar (PEEC) do ano 1986 e nos sucesivos plans urbanísticos)--
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Interésanos moito a túa opinión