28/12/25

En defensa da Oliveira centenaria do Paseo de Alfonso, ameazada polo proxecto de prolongación do túnel de Elduayen

Comunicado de Prensa de AAdAA (e enlace aos documentos presentados ás administracións)

COMUNICADO DE PRENSA

Amigas das Árbores pide á Xunta máis garantías reais para protexer a oliveira do Paseo de Alfonso XII de Vigo.

A asociación alerta de que a “viabilidade condicionada” do túnel non garante a conservación a longo prazo da árbore

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo fixo pública hoxe a súa preocupación polo impacto que pode ter o proxecto de prolongación do túnel de Elduayen sobre a oliveira centenaria do Paseo de Alfonso XII, incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e símbolo sobranceiro da nosa cidade.

Tras analizar o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia (exp. ACAS-010/2025), a asociación subliña que a autorización autonómica non é plena nin incondicional, senón unha autorización suxeita ao cumprimento estrito de numerosas medidas técnicas e a un seguimento posterior ás obras.

A Xunta non afirma que o proxecto sexa plenamente compatible coa conservación da oliveira; fala dunha viabilidade condicionada. Isto é un matiz moi importante que a cidadanía debe coñecer”, sinalan desde Amigas das Árbores.

A asociación lembra que a oliveira se atopa actualmente en bo estado de saúde, como acreditan as tomografías e informes científicos, e destaca que esa mellora foi posible grazas á ampliación do seu espazo vital e á redución de presións urbanas na súa contorna. “Precisamente por iso, calquera intervención subterránea profunda debería ser avaliada con extrema prudencia”, indican.

Amigas das Árbores expresa especial preocupación pola falta dunha conclusión clara no informe da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) sobre a compatibilidade do proxecto coa conservación a longo prazo da árbore. “O informe describe a resiliencia da oliveira, pero non avalía de forma expresa os efectos dunha obra subterránea urbana complexa nin garante que o risco asumido sexa aceptable nun exemplar irrepetible”, explican.

A asociación advirte tamén do risco de trasladar a responsabilidade á fase posterior á obra: “Os controis e informes a posteriori son necesarios, pero non poden substituír unha avaliación previa clara cando o dano potencial é irreversible”.

Por todo iso, Amigas das Árbores pide á Xunta de Galicia:

  • que encargue a entidades científico-técnicas públicas de Galicia con capacidade e experiencia, un informe pluridisciplinar independente que analice o proxecto municipal dende os aspectos da arboricultura/forestal (Uvigo, Enxeñería forestal, solos e hidroloxía (CRETUS/USC e Lourizán), fitopatoloxía e risco de patóxenos (CFP do Areeiro) e xeotécnica/obra civil (CITEEC UDC).

  • que clarifique publicamente se considera garantida a conservación da oliveira a longo prazo,

  • que aplique de forma reforzada o principio de precaución,

  • e que, de existir dúbidas razoables, esixa unha reformulación do proxecto que reduza aínda máis a afección ao sistema radicular, mesmo se iso implica modificar solucións construtivas ou replantear o proxecto.

A oliveira da Porta do Sol non é só patrimonio de Vigo, senón de toda Galicia. A súa protección efectiva sería un exemplo de como compatibilizar infraestruturas e respecto polo patrimonio natural”, conclúe a asociación.

ACCESO Á INFORMACIÓN COMPLETA

Informe sobre o proxecto básico de prolongación do túnel emitido pola Direccion xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Interésanos moito a túa opinión