20/03/26

Denunciamos de novo as sistemáticas agresións ao arborado da praia de Canido


Amigas das Árbores denuncia novos ataques ao arborado de Canido e esixe unha investigación urxente

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo denuncia a aparición de novos actos vandálicos contra a alineación de plátanos de sombra da praia de Canido, que veñen a confirmar a existencia dun ataque sistemático e continuado contra este arborado público, xa denunciado pola nosa entidade e pola veciñanza desde o ano 2024.

Unha agresión continuada ao arborado desde 2024

No mes de outubro de 2024, Amigas das Árbores presentou denuncia ante o SEPRONA e a Policía Local por un posible envelenamento deliberado das árbores mediante inxección de herbicidas, tras detectarse:
  • Perforacións artificiais nos troncos
  • Introdución de materiais vexetais a modo de “tapón”
  • Presenza dun líquido de cor ámbar, presumiblemente glifosato
Tal e como se recolle na denuncia presentada:
"Semella responder a un plan sistemático que ten por finalidade matar as árbores aos poucos facendo parecer que están ‘enfermas".

A acción veciñal, ante a inacción do Concello, conseguiu frear temporalmente estes ataques, mediante labores de vixilancia e reparación dos danos.

Novos feitos: inserción de elementos metálicos nas raíces
Nos últimos días, a veciñanza descubriu nun dos exemplares a introdución profunda dun tubo metálico nas raíces e a presenza de cableado de cobre inserido no sistema radicular
Tal e como se aprecia nas imaxes achegadas, este tipo de actuación pode provocar:
  • Danos estruturais graves no sistema radicular
  • Entrada de patóxenos e podremias
  • Debilitamento progresivo da árbore ata a súa morte
Estes feitos presentan un claro carácter intencional e reiterado, e poderían constituír delitos ambientais e contra o patrimonio público.

Aviso ás autoridades e nova mobilización veciñal

Ante esta situación, a veciñanza mobilizada, tentou retirar os elementos introducidos e alertou novamente á Policía Autonómica e SEPRONA
Sen que, ata o momento, se teña coñecemento de ningunha investigación efectiva nin identificación dos responsables.

Un caso grave de desprotección do patrimonio público
Para Amigas das Árbores, este caso é especialmente grave porque:
  • Trátase dunha alineación arbórea consolidada e de alto valor paisaxístico e ambiental
  • Está situada nun espazo público moi frecuentado
  • Existe un historial documentado de agresións continuadas
E, malia todo, non existe resposta institucional eficaz

ESIXIMOS
  • A apertura inmediata dunha investigación a fondo para identificar aos responsables destes actos vandálicos.
  • A intervención coordinada de Policía Local, SEPRONA e Fiscalía, se procede.
  • A elaboración por parte do Concello dun plan de protección, seguimento e recuperación do arborado de Canido.
  • A realización exclusiva, se é o caso, de: podas sanitarias mínimas e xustificadas. En ningún caso podas drásticas ou mutilacións, que agravan o estado das árbores
  • A instalación de medidas de vixilancia preventiva, dado o carácter reiterado dos ataques.
Un ataque deliberado contra a cidade
“Non estamos ante feitos illados, senón ante unha acción continuada e organizada contra o arborado público. Matar árbores lentamente para facelas pasar por enfermas é unha práctica especialmente grave que require resposta inmediata das administracións.”

Chamamento á cidadanía
Facemos un chamamento á veciñanza a continuar co seu labor cívico:
  • Estar alerta ante calquera actuación sospeitosa
  • Documentar posibles agresións ao arborado
  • Defender colectivamente o patrimonio natural da cidade

Asociación Amigas das Árbores de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Interésanos moito a túa opinión