18/06/25

Esiximos a paralización da mutilación de arborado na rúa Pizarro, en pleno xuño e en tempo de nidificación

No día de hoxe enviamos ao Concello de VIgo, o seguinte escrito: 

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo diríxese, unha vez máis, ao Concello para expresar a súa máis firme protesta e esixir a paralización inmediata da intervención que se está a realizar sobre o arborado urbano da rúa Pizarro, consistente en podas severas e drásticas que constitúen unha nova vulneración da normativa vixente e unha agresión ecolóxica sen xustificación técnica algunha.

Denunciamos que esta actuación:

  1. Infrinxe a Ordenanza de Protección de Espazos Naturais e Zonas Verdes do Concello de Vigo, ao realizarse:

    • en época de máxima actividade vexetativa, con temperaturas extremas e plena formación da copa,

    • durante a tempada de nidificación de aves urbanas, vulnerando a normativa ambiental e o sentido común ecolóxico máis elemental.

  2. Contravén as prescricións técnicas do contrato de mantemento de zonas verdes, actualmente adxudicado á empresa ACCIONA, cuxo prego especifica claramente os criterios técnicos e temporais para a poda, que neste caso están a ser vulnerados de xeito flagrante.

  3. Viola os principios do Estándar Europeo de Poda (ETW), especialmente no relativo á conservación da estrutura natural da copa, á planificación en función da especie, idade e contorna, e á obrigatoriedade de minimizar o impacto fisiolóxico das intervencións.

  4. Atenta contra a saúde pública, ao eliminar sombras vitais nun contexto de cambio climático e ondas de calor. As copas arbóreas son elementos esenciais de confort climático urbano e redución das temperaturas e da radiación.

  5. Pode constituír unha infracción legal máis ampla, pois a reiteración destas prácticas podería dar lugar á responsabilidade do Concello por desatención sistemática das súas obrigas de control e supervisión da Contrata, así como por eventual delito ambiental ou prevaricación por omisión, segundo se determine en futuras accións legais que non descartamos impulsar.

Esta poda non é un feito illado, senón que se inscribe nunha campaña sistemática de mutilación do arborado urbano, tal como denunciamos xa formalmente no caso das rúas Marqués de Alcedo, Areal, Venezuela, Ecuador ou Teófilo Llorente. Tampouco é un erro puntual, senón unha práctica reiterada, tecnicamente inadmisible e lesiva para a cidade e o seu patrimonio verde.

EXIXIMOS:

  • A paralización inmediata dos traballos na rúa Pizarro.

  • A apertura dun expediente informativo urxente que determine as responsabilidades desta nova actuación ilegal.

  • A comparecencia do servizo municipal correspondente, explicando os criterios técnicos (se os houbo) que avalan esta intervención.

  • A depuración de responsabilidades, tanto na empresa concesionaria como nos servizos técnicos municipais que permiten ou avalan esta barbarie.

  • A revisión integral do modelo de xestión do arborado urbano en Vigo, co acompañamento de persoal experto e con participación cidadá efectiva.




04/05/25

Advertimos novamente por escrito ao Concello de Vigo antes de que inicie mais mutilacións de arborado na rúa Ecuador

Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo volvemos advertir ao Concello de Vigo, e en particular ao servizo municipal responsable do mantemento de zonas verdes, que temos constancia da disposición dunha plataforma elevadora na rúa Ecuador, previsiblemente para iniciar unha nova “campaña” de poda primaveral sobre o arborado urbano desa rúa.

Tendo en conta o que vimos de presenciar noutras rúas nas últimas semanas (Venezuela, Areal, Teófilo Llorente, Marqués de Alcedo…), tememos que se vaia repetir unha vez máis unha práctica sistemática de poda severa, anticientífica e mutiladora, totalmente incompatible cos principios básicos dunha arboricultura racional e sostible.

Queremos lembrar formalmente ao Concello de Vigo que a realización dunha poda severa nestas árbores, especialmente en plena primavera, suporía unha grave infracción por tripla vía:

  1. Incumprimento da Ordenanza municipl de protección dos espazos naturais e zonas verdes, que prohibe expresamente as podas drásticas e mutiladoras e obriga a actuar segundo criterios técnicos axeitados.

  2. Incumprimento do prego de prescricións técnicas do contrato de mantemento adxudicado a Acciona, que tamén establece claramente os criterios técnicos e a temporalización das intervencións, excluíndo podas agresivas e mutilacións como as que se están producindo.

  3. Contravención directa do Estándar Europeo de Poda de Árbores, no que se sinala que:

    “As podas severas (como os desmochados e terciados) deben ser evitadas en todo caso, por afectar gravemente a saúde estrutural das árbores e a súa capacidade de realizar funcións ecolóxicas e de servizo urbano.”

Dado que o Concello é perfectamente coñecedor das advertencias e informes que esta Asociación leva presentado, tanto de maneira pública como formal, e tamén das numerosas referencias científicas, técnicas e normativas que lle foron achegadas, entendemos que calquera nova intervención como as xa documentadas podería implicar a responsabilidade directa dos servizos municipais e da empresa contratista, ao estarse producindo un reiterado e consciente incumprimento da legalidade vixente.

Por todo isto, exiximos a inmediata paralización de calquera intervención sobre o arborado da rúa Ecuador ata que se garanta por escrito que:

  • Non se realizarán podas severas ou mutilacións.

  • Calquera intervención responderá exclusivamente a criterios técnicos fundamentados e será executada por persoal cualificado.

  • Se dará cumprimento estrito á normativa e ás obrigas recollidas no contrato vixente.

En caso contrario, a nosa asociación considerará xa a posibilidade de emprender accións legais por vulneración reiterada e consciente da normativa municipal e da “Lei do contrato” de mantemento de zonas verdes coa empresa Acciona, incluíndo a denuncia pública e ante os organismos competentes.

Sen outro particular, quedamos á espera de resposta urxente e con disposición para o diálogo, mais tamén con firmeza na defensa do noso arborado urbano.

01/04/25

Denunciamos de novo as mutilacións e podas severas no inicio desta primavera

ENÉSIMO ESCRITO ENVIADO AO CONCELLO DE VIGO 1/04/2025

Á atención da Concellería de Parques, Xardíns e Medio Natural do Concello de Vigo:

Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo queremos trasladar, unha vez máis, a nosa máis enérxica protesta pola nova campaña de mutilacións e “podas” severas que se está a desenvolver en diferentes zonas da cidade, concretamente nas rúas Areal, Teófilo Llorente, Pracer, Tomás Alonso e na Finca de Mirambell en Canido (con brutal "terciado" do singular bosquete de Melaleucas), entre outras. As imaxes recollidas nas últimas xornadas mostran de novo prácticas claramente lesivas para o arborado urbano, realizadas en plena primavera, coincidindo co inicio do ciclo vexetativo das especies caducifolias.

As "podas" executadas constitúen verdadeiras mutilacións, sen criterio técnico coñecido, que afectan severamente á saúde estrutural e fisiolóxica das árbores.

Incumprimentos graves da normativa e do contrato

Estas actuacións contraveñen gravemente:

  1. A Ordenanza municipal de espazos naturais e zonas verdes (art. 24), que prohibe expresamente mutilacións e desmochados do arborado urbano.

  2. O Prego de condicións técnicas do contrato de mantemento de zonas verdes, vixente coa empresa Acciona, no que se especifica que as podas deben:

    • Ser realizadas por persoal especializado.

    • Responder a criterios técnicos e fitosanitarios xustificados.

    • Evitar podas drásticas, mutilacións ou cortes indiscriminados.

  3. Os principios e criterios do Estándar Europeo de Poda de Árbores, que recollen que este tipo de cortes só están xustificados por razóns de seguridade documentadas e nunca deben realizarse de forma sistemática nin rutineira.

Consecuencias e preocupacións

Estas intervencións, como xa temos advertido en múltiples ocasións, conlevan:

  • Un debilitamento estrutural progresivo das árbores afectadas.

  • Un incremento do risco de enfermidades e pragas.

  • Un deterioro irreversible da forma e estética dos exemplares.

  • Un incremento da inseguridade futura por ramas mal formadas.

  • Un atentado contra a biodiversidade urbana e a función ambiental do arborado.

Reclamacións urxentes

Á vista dos feitos e da reincidencia destas malas prácticas, esiximos:

  1. A paralización inmediata da “campaña” de podas actualmente en marcha.

  2. A realización dun informe técnico independente sobre os traballos realizados, que determine o seu grao de legalidade e adecuación técnica.

  3. A revisión do contrato coa empresa concesionaria e a apertura dun expediente sancionador por vulneracións reiteradas do prego de condicións.

  4. A implantación dun Protocolo público de boas prácticas en arborado urbano, baseado en criterios científicos e na participación cidadá.

  5. A creación dun órgano consultivo independente, con participación da sociedade civil, para avaliar as intervencións no arborado.

Vigo merece un arborado urbano coidado, saudable e xestionado con responsabilidade. A destrución sistemática do noso patrimonio natural, especialmente en momentos tan críticos como o inicio da primavera, é inaceptable.

Á espera dunha resposta formal, reiteramos a nosa disposición ao diálogo, mais tamén a firmeza na denuncia social, mediática e xurídica desta situación.

Rúa Pracer


Finca de Mirambell

Rúa Teófilo Llorente

Areal

Rúa Pracer (en "proceso")


19/03/25

Declaración de Amigas das Árbores de Vigo no Día da Árbore 2025.

Declaración da Asociación Amigas das Árbores de Vigo no Día da Árbore 2025

Contra as podas drásticas e o arboricidio urbano. Por unha xestión racional e sostible do arborado en Vigo.

O 21 de marzo, Día da Árbore, reivindicamos o dereito das árbores a vivir, crecer e cumprir o seu ciclo natural sen agresións. En Vigo, estamos a asistir a unha destrución masiva do arborado urbano a través de podas drásticas, mutilacións e talas indiscriminadas que están a transformar as nosas árbores en meros restos moribundos sen capacidade de cumprir a súa función ecolóxica, paisaxística e social.

Non estamos ante casos illados, senón ante un modelo de xestión arboricida, promovido por grandes empresas contratistas do mantemento de zonas verdes, que, en lugar de coidar as árbores, sacan beneficio económico da súa destrución sistemática obviando impunemente os pregos de condicions do contrato. Para estas contratas unha árbore mutilada ou talada significa menos traballo de mantemento axeitado, menos tempo de intervención especializada e, en consecuencia, un enriquecemento inxusto, á custa dun dano irreversible para o medio ambiente e a calidade de vida da cidadanía.

1. Vigo, unha cidade que mutila e destrúe o seu arborado

* Podas drásticas e terciados e desmochados brutais

  • As árbores das nosas rúas están sendo sistematicamente mutiladas ata quedar reducidas a torres de madeira case sen follas nin pólas naturais.

  • O obxectivo destas “podas” non é o coidado, senón a diminución e deturpación radical da copa, a debilitación das árbores provocando a súa degradación e morte prematura.

  • Estas malas prácticas aumentan o risco de caída de pólas e troncos, ao provocar rebentos débiles e unha estrutura insustentable.

* Talas masivas sen xustificación

  • Vemos como árbores sans e maduras son talladas co pretexto de “humanizacións” que privilexian o cemento sobre a biodiversidade.

  • Nas rúas de Vigo, centenares de árbores desapareceron sen reposición axeitada, substituídas, no menos malo dos casos, por especies menores ou macizos de arbustos.

* Unha Administración municipal promotora e cómplice das malas prácticas

  • O Concello de Vigo está a permitir que a contrata de mantemento incumpra de forma sistemática o prego de condicións do contrato de mantemento e a Ordenanza de zonas verdes, que especifican claramente que as podas deben ser coidadosas e respectuosas coa estrutura natural da árbore.

  • As contratas de mantemento, lonxe de aplicar criterios técnicos adecuados, realizan unha xestión de máximo aforro e, en consecuencia, máximo beneficio económico, incumprindo o contrato e sacrificando o benestar do arborado.

  • O Concello non só permite estas prácticas, incumprindo a súas obrigas contractuais, senón que as promove, ignorando as reiteradas denuncias da cidadanía e as boas prácticas de xestión substituidas polo “decorativismo” e a falsa seguridade.

2. Esiximos un cambio radical na xestión do arborado urbano

* Queremos árbores coidadas, non mutiladas!

  • Prohibición inmediata das podas drásticas e desmochados.

  • Aplicación de técnicas de poda selectiva baseadas nas boas prácticas, no prego de condicións de mantemento e en criterios científicos e de xardinería sostible.

* Fin do modelo de negocio baseado na destrución do arborado!

  • Fiscalización efectiva do cumprimento do contrato de mantemento de zonas verdes.

  • Sancións ás empresas contratistas que incumpran os criterios de poda racional e conservación do arborado.

  • Recuperación dunha brigada municipal de xardinería con persoal cualificado, sen depender de empresas que buscan o máximo lucro. Creación e dotación da praza de Conservador de xardíns históricos.

* Reposición inmediata das árbores desaparecidas!

  • Cada árbore eliminada debe ser substituída por outra da mesma especie e de tamaño axeitado.

  • Prohibición de substituír árbores por pequenos arbustos ou plantas ornamentais, que non cumpren a mesma función ambiental.

* Dereitos para as árbores, dereitos para a cidade!

  • O arborado urbano debe ser xestionado como un ben común e un patrimonio natural protexido, non como mobiliario urbano ou como un elemento prescindible sometido a intereses económicos espurios.

  • Aplicación efectiva da normativa ambiental e das recomendacións do Estándar Europeo de Poda de Árbores.

3. O 21 de marzo mobilizámonos en defensa das árbores de Vigo!

Este Día da Árbore non só queremos celebrar a importancia das árbores, senón denunciar o arboricidio que se está a cometer na nosa cidade. Vigo non pode seguir permitindo a destrución das súas árbores por intereses privados e pola inacción do seu Concello.

Esiximos o fin da destrución do noso patrimonio arbóreo!

Unha cidade con árbores sans é unha cidade viva!

Defendamos as árbores de Vigo, antes de que sexa demasiado tarde!

Únete a Amigas das Árbores! Mobilízate, denuncia e defende o arborado da túa cidade!

10/03/25

Novo escrito ao Concello de Vigo denunciando a mutilación do arborado na rúa Marqués de Alcedo.

Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo, en escritos anteriores remitidos a ese Concello denunciamos con rotundidade a brutal "poda" que se está a realizar na nosa cidade ao arborado urbano en xeral e, nesta nova ocasión, aos plátanos de sombra da rúa Marqués de Alcedo, unha intervención que supón un desmochado extremo, contradicindo as recomendacións científicas, os estándares europeos e a propia normativa municipal.

As imaxes documentadas mostran árbores mutiladas, sen copa funcional, condenadas a un crecemento desordenado e a un debilitamento progresivo que incrementa o risco de caídas de pólas e perda total dos exemplares.

1 Incumprimento das normativas municipais

  • Ordenanza municipal do medio natural e da biodiversidade do Concello de Vigo
  • Prego de condicións da contrata de mantemento de zonas verdes

As ordenanzas municipais e o prego de condicións do contrato de mantemento prohíben expresamente podas extremas e desmochados, xa que:

  • Debilitan a árbore e reducen a súa vida útil.
  • Aumentan a vulnerabilidade a pragas e enfermidades.
  • Comprometen a estabilidade da árbore, incrementando o risco de caídas.
  • Desnaturalizan a paisaxe urbana e reducen os servizos ambientais das árbores.

2 Incumprimento do Estándar Europeo de Poda de Árbores

O Estándar Europeo de Poda de Árbores establece directrices científicas para a xestión do arborado urbano. Segundo este documento, as podas deben respectar a estrutura natural da árbore, evitar feridas grandes e nunca realizar desmochados, pois son altamente prexudiciais.

A intervención realizada na rúa Marqués de Alcedo supón un incumprimento flagrante destas recomendacións, poñendo en risco a saúde das árbores e a seguridade cidadá.

En consecuencia, novamente esiximos ao Concello de Vigo:

Exixencias ao Concello de Vigo

  1. A paralización inmediata de todas as podas agresivas no arborado urbano.

  2. A revisión e adaptación do protocolo de poda da contrata de mantemento, obrigando a aplicar as disposicións do prego de condicións e os criterios científicos e respectuosos coas árbores. Lembramos que o Concello de Vigo ten a responsabilidade legal de velar polo cumprimento dos contratos, garantindo así o interese público, cuestión que, como estamos e podemos demostrar, está a incumprir sistematicamente no caso do Contrato de mantemento de espazos naturais e zonas verdes, favorecendo así os intereses privados da UTE contratada, permitindo que deixe de realizar labores obrigadas e que actúe minimizando outras que, como as podas, requiren un traballo respectuoso e especializado que, como é obvio, non se está a realizar. A actuacion real neste anos por parte da contrata, coa aquiescencia, por acción ou omisión, do Servizo municipal de parques e xardíns, consiste en eliminar os custos deste labor a base de reducir con mutilacións brutais a masa arbórea e utilizar métodos groseiros, en lugar da necesaria especialización e da ferramenta axeitada que require a boa práctica da poda, tal e como dispón a Ordenanza e o Prego de condicións.

  3. A apertura dun proceso de investigación sobre esta intervención e a asunción de responsabilidades polos danos causados. Un compromiso claro cunha xestión sostible do arborado urbano, con transparencia e supervisión por parte de expertos en arboricultura.

Á espera dunha resposta urxente a este aos outros escritos rexistrados formalmente nese Concello, reservámonos o dereito de acudir --á vista da nula atención e resposta ás nosas iniciativas-, a outras vías, e seguimos á súa disposición para colaborar en calquera acción que promova unha mellor xestión do patrimonio verde da cidade.










28/02/25

Denunciamos a talla masiva de arborado de Gran porte na Avenida da Florida

ESCRITO DIRIXIDO HOXE AO CONCELLO DE VIGO E AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo, manifestamos a nosa indignación e máis firme oposición á talla masiva de árbores adultas de gran porte na Avenida da Florida. As imaxes e testemuñas que nos chegan mostran un arboricidio de dimensións alarmantes, sen que existan xustificacións ambientais, estruturais ou fitosanitarias que avalen unha actuación de tal magnitude.

Exiximos a inmediata paralización destas tallas e unha explicación detallada das razóns que levaron ao Concello de Vigo a destruír unha parte tan significativa do patrimonio arbóreo urbano.

1. Un arboricidio sen fundamento

As árbores eliminadas na Avenida da Florida:

  • Son exemplares de gran porte, con décadas de vida, que proporcionaban sombra, fixación de CO₂, absorción de contaminantes e mellora da calidade do aire.
  • Non presentan síntomas visibles de enfermidade ou perigo estrutural que xustifique a súa eliminación.
  • Representaban un elemento paisaxístico e ambiental fundamental para o benestar da veciñanza e a biodiversidade local.

A eliminación destes exemplares supón unha perda irreparable que afectará negativamente á calidade ambiental e paisaxística desta zona da cidade.

2. Exiximos transparencia e responsabilidade ambiental

O Concello de Vigo está obrigado a cumprir coa normativa en materia de medio ambiente e xestión sostible do arborado urbano. Polo tanto, solicitamos:

  1. A paralización inmediata da talla de árbores na Avenida da Florida ata que se fagan públicos os informes técnicos que xustifican fidedignamente esta actuación.

  2. Acceso aos informes fitosanitarios e estruturais que avalen a necesidade desta intervención drástica.

  3. Alternativas á talla: se realmente existise algún problema coas árbores, deberían priorizarse medidas de conservación, tratamento ou substitución progresiva, non a eliminación masiva.

  4. Un compromiso firme coa protección do arborado urbano, aplicando criterios rigorosos baseados na saúde dos exemplares e na normativa ambiental vixente.

3. Un modelo de cidade incompatible coa destrución do seu patrimonio verde

Non é a primeira vez que asistimos a unha actuación desmesurada e agresiva contra o arborado urbano en Vigo. Este modelo de xestión, baseado na eliminación sistemática de exemplares sans, vai na dirección contraria ás recomendacións ambientais actuais, que instan a protexer e ampliar os espazos verdes nas cidades.

A cidadanía de Vigo merece un Concello que coide e conserve as árbores, non unha administración que as destrúa sen xustificación.

A nosa asociación non cesará na defensa do patrimonio arbóreo da cidade. Se estas tallas continúan, exploraremos todas as vías legais e de mobilización social para frear este despropósito.

Á espera dunha resposta e da inmediata paralización destas tallas, quedamos á súa disposición para calquera aclaración ou diálogo sobre alternativas sostibles.

Atentamente,

É de xustiza.


P.S. Pensamos que as árbores talladas son os grandes Plátanos de sombra da histórica estación de Tranvías da Florida, eses que Méndez Ferrín denominou Pradairos de sombra.






27/01/25

Caída do Pittosporum undulatum na Alameda de Vigo tralo Herminia

Amigas das Árbores solicitamos ao Concello de Vigo e á Estación Fitopatolóxica do Areeiro un informe sobre as causas da caída do Pittosporum undulatum monumental na Alameda.

A Asociación Amigas das Árbores alerta sobre o impacto das actividades masivas na Alameda
de Vigo, como a feira Cíes Market, e esixe unha investigación técnica que determine as causas
da caída onte dunha das árbores emblemáticas do xardín histórico.


Unha perda significativa para o patrimonio natural de Vigo
O recente colapso dun Pittosporum undulatum monumental no xardín histórico da Alameda de
Vigo, durante a borrasca Herminia, representa unha grave perda para o patrimonio natural e
cultural da cidade. Este exemplar, parte esencial dun espazo catalogado polo seu valor
histórico, sufriu unha caída que podería ter causas máis aló das condicións meteorolóxicas
extremas.
Tal e como ten xa denunciado, a Asociación Amigas das Árbores considera que o impacto
acumulado das actividades realizadas na Alameda, especialmente a instalación anual do Cíes
Market, podería ser un factor coadxuvante. A compactación do solo pola circulación de
maquinaria pesada e a alta afluencia de persoas, así como a presión sobre as raíces e a perda
doutros exemplares próximos, poderían ter contribuído a debilitar a estabilidade da árbore.

Unha chamada á responsabilidade institucional
Amigas das Árbores presentou un escrito formal ao Concello de Vigo solicitando:

  1. Un informe técnico completo sobre as causas da caída: avaliando o estado do solo, as raíces do exemplar e o impacto das actividades realizadas na Alameda.
  2. Consulta á Estación Fitopatolóxica do Areeiro: para obter unha análise independente e experta que identifique todos os factores que contribuíron á caída do Pittosporum monumental.
  3. Medidas preventivas: realizar avaliacións urxentes do estado doutras árbores da Alameda e revisar o uso do xardín histórico como espazo para eventos masivos que poidan poñer en risco o seu patrimonio natural.
"Non só debemos lamentar esta perda, senón actuar con responsabilidade para evitar que
volvan ocorrer casos similares. A Alameda é un espazo protexido que merece ser tratado con
coidado e respecto, afastándoo de actividades incompatibles cos seus valores culturais e
naturais
."

Impacto das actividades na Alameda
Amigas das Árbores denuncia que actividades como o Cíes Market, que ocupa a Alameda
durante catro meses ao ano, están xerando un impacto acumulado que pon en perigo a súa
integridade. Entre os efectos identificados pola Asociación, destacan:

  • Compactación do solo, dificultando a absorción de auga e nutrientes polas raíces.
  • Afectación á estabilidade e saúde das raíces estruturais e de ancoraxe.
  • Perda e deterioro de masa arborada e desintegración da rede radicular subterránea, que ofrece protección mutua entre as árbores.
Unha oportunidade para cambiar
A caída do Pittosporum monumental debe ser un punto de inflexión para repensar a xestión do xardín
histórico da Alameda. A Asociación fai un chamamento ao Concello e á cidadanía para que se
adopten medidas urxentes de preservación e se reavalié o uso do espazo para eventos que
poidan comprometer o seu futuro.

Escrito enviado ao Concello


Documentación adicional:

• Denuncia anterior de Amigas das Árbores sobre o impacto do Cíes Market na conservación da
Alameda

• Escrito á Dirección xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para que exerza as dúas
competencias de protección do Xardín Histórico da Alameda de Vigo