Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo, en escritos anteriores remitidos a ese Concello denunciamos con rotundidade a brutal "poda" que se está a realizar na nosa cidade ao arborado urbano en xeral e, nesta nova ocasión, aos plátanos de sombra da rúa Marqués de Alcedo, unha intervención que supón un desmochado extremo, contradicindo as recomendacións científicas, os estándares europeos e a propia normativa municipal.
As imaxes documentadas mostran árbores mutiladas, sen copa funcional, condenadas a un crecemento desordenado e a un debilitamento progresivo que incrementa o risco de caídas de pólas e perda total dos exemplares.
1 Incumprimento das normativas municipais
- Ordenanza municipal do medio natural e da biodiversidade do Concello de Vigo
- Prego de condicións da contrata de mantemento de zonas verdes
As ordenanzas municipais e o prego de condicións do contrato de mantemento prohíben expresamente podas extremas e desmochados, xa que:
- Debilitan a árbore e reducen a súa vida útil.
- Aumentan a vulnerabilidade a pragas e enfermidades.
- Comprometen a estabilidade da árbore, incrementando o risco de caídas.
- Desnaturalizan a paisaxe urbana e reducen os servizos ambientais das árbores.
2 Incumprimento do Estándar Europeo de Poda de Árbores
O Estándar Europeo de Poda de Árbores establece directrices científicas para a xestión do arborado urbano. Segundo este documento, as podas deben respectar a estrutura natural da árbore, evitar feridas grandes e nunca realizar desmochados, pois son altamente prexudiciais.
A intervención realizada na rúa Marqués de Alcedo supón un incumprimento flagrante destas recomendacións, poñendo en risco a saúde das árbores e a seguridade cidadá.
En consecuencia, novamente esiximos ao Concello de Vigo:
Exixencias ao Concello de Vigo
A paralización inmediata de todas as podas agresivas no arborado urbano.
A revisión e adaptación do protocolo de poda da contrata de mantemento, obrigando a aplicar as disposicións do prego de condicións e os criterios científicos e respectuosos coas árbores. Lembramos que o Concello de Vigo ten a responsabilidade legal de velar polo cumprimento dos contratos, garantindo así o interese público, cuestión que, como estamos e podemos demostrar, está a incumprir sistematicamente no caso do Contrato de mantemento de espazos naturais e zonas verdes, favorecendo así os intereses privados da UTE contratada, permitindo que deixe de realizar labores obrigadas e que actúe minimizando outras que, como as podas, requiren un traballo respectuoso e especializado que, como é obvio, non se está a realizar. A actuacion real neste anos por parte da contrata, coa aquiescencia, por acción ou omisión, do Servizo municipal de parques e xardíns, consiste en eliminar os custos deste labor a base de reducir con mutilacións brutais a masa arbórea e utilizar métodos groseiros, en lugar da necesaria especialización e da ferramenta axeitada que require a boa práctica da poda, tal e como dispón a Ordenanza e o Prego de condicións.
A apertura dun proceso de investigación sobre esta intervención e a asunción de responsabilidades polos danos causados. Un compromiso claro cunha xestión sostible do arborado urbano, con transparencia e supervisión por parte de expertos en arboricultura.
Á espera dunha resposta urxente a este aos outros escritos rexistrados formalmente nese Concello, reservámonos o dereito de acudir --á vista da nula atención e resposta ás nosas iniciativas-, a outras vías, e seguimos á súa disposición para colaborar en calquera acción que promova unha mellor xestión do patrimonio verde da cidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Interésanos moito a túa opinión