01/04/25

Denunciamos de novo as mutilacións e podas severas no inicio desta primavera

ENÉSIMO ESCRITO ENVIADO AO CONCELLO DE VIGO 1/04/2025

Á atención da Concellería de Parques, Xardíns e Medio Natural do Concello de Vigo:

Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo queremos trasladar, unha vez máis, a nosa máis enérxica protesta pola nova campaña de mutilacións e “podas” severas que se está a desenvolver en diferentes zonas da cidade, concretamente nas rúas Areal, Teófilo Llorente, Pracer, Tomás Alonso e na Finca de Mirambell en Canido (con brutal "terciado" do singular bosquete de Melaleucas), entre outras. As imaxes recollidas nas últimas xornadas mostran de novo prácticas claramente lesivas para o arborado urbano, realizadas en plena primavera, coincidindo co inicio do ciclo vexetativo das especies caducifolias.

As "podas" executadas constitúen verdadeiras mutilacións, sen criterio técnico coñecido, que afectan severamente á saúde estrutural e fisiolóxica das árbores.

Incumprimentos graves da normativa e do contrato

Estas actuacións contraveñen gravemente:

  1. Ordenanza municipal de espazos naturais e zonas verdes (art. 24), que prohibe expresamente mutilacións e desmochados do arborado urbano.

  2. Prego de condicións técnicas do contrato de mantemento de zonas verdes, vixente coa empresa Acciona, no que se especifica que as podas deben:

    • Ser realizadas por persoal especializado.

    • Responder a criterios técnicos e fitosanitarios xustificados.

    • Evitar podas drásticas, mutilacións ou cortes indiscriminados.

  3. Os principios e criterios do Estándar Europeo de Poda de Árbores, que recollen que este tipo de cortes só están xustificados por razóns de seguridade documentadas e nunca deben realizarse de forma sistemática nin rutineira.

Consecuencias e preocupacións

Estas intervencións, como xa temos advertido en múltiples ocasións, conlevan:

  • Un debilitamento estrutural progresivo das árbores afectadas.

  • Un incremento do risco de enfermidades e pragas.

  • Un deterioro irreversible da forma e estética dos exemplares.

  • Un incremento da inseguridade futura por ramas mal formadas.

  • Un atentado contra a biodiversidade urbana e a función ambiental do arborado.

Reclamacións urxentes

Á vista dos feitos e da reincidencia destas malas prácticas, esiximos:

  1. paralización inmediata da “campaña” de podas actualmente en marcha.

  2. A realización dun informe técnico independente sobre os traballos realizados, que determine o seu grao de legalidade e adecuación técnica.

  3. revisión do contrato coa empresa concesionaria e a apertura dun expediente sancionador por vulneracións reiteradas do prego de condicións.

  4. A implantación dun Protocolo público de boas prácticas en arborado urbano, baseado en criterios científicos e na participación cidadá.

  5. A creación dun órgano consultivo independente, con participación da sociedade civil, para avaliar as intervencións no arborado.

Vigo merece un arborado urbano coidado, saudable e xestionado con responsabilidade. A destrución sistemática do noso patrimonio natural, especialmente en momentos tan críticos como o inicio da primavera, é inaceptable.

Á espera dunha resposta formal, reiteramos a nosa disposición ao diálogo, mais tamén a firmeza na denuncia social, mediática e xurídica desta situación.

Rúa Pracer


Finca de Mirambell

Rúa Teófilo Llorente

Areal

Rúa Pracer (en "proceso")


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Interésanos moito a túa opinión