20/01/25

Denunciamos que as árbores de Vigo continúan aturando os pesados cables de leds

NOTA DE PRENSA

AS ÁRBORES DE VIGO SEGUEN ASFIXIADAS POLOS CABLES DAS LUCES DE NADAL: URXE UNHA RETIRADA RESPONSABLE E INMEDIATA

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo quere expresar a súa profunda preocupación pola situación do arborado urbano que segue afectado polo cableado das luces de Nadal. A pesar de que estas foron apagadas oficialmente o pasado 12 de xaneiro, as árbores continúan asfixiadas polos cables e estruturas que permanecen instaladas, obstaculizando o seu crecemento natural e causando danos progresivos nas plantas.

Como evidencian as fotografías que adxuntamos, a deixadez na retirada do cableado está xerando situacións críticas. As árbores medran, florecen e o cableado, lonxe de ser retirado a tempo, está quedando atrapado no interior das ponlas e da estrutura vexetal. Este atraso non só incrementa os danos xa causados, senón que, ademais, complica o proceso de retirada, facendo imprescindible unha actuación urxente que sexa coidadosa e respectuosa co arborado.

Dende Amigas das Árbores lembramos que este problema xa foi obxecto dunha denuncia previa ao Concello de Vigo, alertando sobre os perigos das “podas” extremas e de instalar decoración lumínica directamente sobre as árbores. Non obstante, a situación non mellorou, e a tardanza actual na retirada supón un grave incumprimento dos deberes de protección do patrimonio arbóreo da cidade e a continuidade nunha práctica prohibida expresamente polas ordenanzas municipais de medio ambiente de Vigo.

Liberamos esta árbore. Varios quilos  de cables
nun pequeno exemplar de magnolia florecida.

É fundamental destacar que as árbores urbanas non son meros elementos decorativos, senón un recurso vital que aporta innumerables beneficios á cidadanía, como a mellora da calidade do aire, a redución do ruído e a creación de espazos de sombra e benestar. Danalas ou non protexelas adecuadamente é unha irresponsabilidade que ten consecuencias ambientais e sociais.

Exiximos:

  1. A retirada inmediata do cableado e das estruturas das luces de Nadal, priorizando o coidado das árbores e evitando calquera acción que poida causarles danos adicionais.

  2. O estrito cumprimento da vixente Ordenanza municipal de Espazos naturais e zonas verdes que prohibe a instalación directa de elementos lumínicos sobre o arborado, evitando volver a facelo en futuras campañas, promovendo alternativas decorativas que respecten o patrimonio vexetal da cidade.

  3. Unha revisión e mantemento adecuado das árbores afectadas, con intervencións que garantan a súa recuperación e a preservación da súa saúde.

Facemos un chamamento ao Concello de Vigo para que demostre o seu compromiso co medio ambiente e cos espazos verdes da cidade, actuando con responsabilidade e dilixencia ante esta problemática.

Desde Amigas das Árbores continuaremos vixiantes e non descartamos emprender novas accións de denuncia pública ou xurídica se esta situación persiste.



13/01/25

Amigas das Árbores esixen que a Feira Cíes Market non volva instalarse no xardín histórico da Alameda de Vigo

A Feira Cíes Market rematou hoxe na Alameda de Vigo tras catro meses de ocupación intensiva que deixaron un impacto irreparable no xardín histórico e nas súas árbores centenarias. A Asociación Amigas das Árbores denuncia que este mercado é incompatible cos valores patrimoniais e naturais que fundamentaron a catalogación da Alameda como ben protexido e esixe que nunca máis se volva instalar neste espazo.

Un impacto incompatible coa preservación dun xardín histórico
Desde a súa montaxe a principios de outubro de 2024 ata o final da desmontaxe previsto para finais de xaneiro de 2025, o Cíes Market converteu a Alameda nun espazo irrecoñecible e sometido a unha presión ambiental extrema. 
A instalación masiva de casetas, estruturas de madeira, cableado no arborado, grandes iluminacións, o uso continuado de maquinaria e vehiculos pesados, o uso como aparcamento e zona de carga e descarga... xeraron un impacto incompatible coa preservación deste ben catalogado. As árbores centenarias e a biodiversidade única deste xardín sufriron danos visibles que poñen en risco a súa saúde e estabilidade.

"O xardín histórico da Alameda non é un lugar adecuado para este tipo de actividades
comerciais masivas. Os catro meses de presión ambiental, compactación do solo e
interferencias co arborado deixaron cicatrices que tardarán anos en rexenerarse, se é que se
rexeneran."
, declarou unha portavoz de Amigas das Árbores.

Danos observados e documentados
Entre os efectos máis graves que a Asociación Amigas das Árbores documentou durante estes
meses, salientamos:
  • Compactación severa do solo: o continuo paso de maquinaria pesada, camións e aglomeración de persoas compactou o solo, dificultando a absorción de auga e nutrientes polas raíces das árbores.
  • Danos ás raíces e á estrutura das árbores centenarias: a colocación de casetas e estruturas de madeira en áreas próximas ás raíces interferiu directamente co seu desenvolvemento. 
  • As vibracións producidas polo uso continuo de vehículos no interior do xardín supoñen tamén un debilitamento das raíces con consecuencias graves para a súa saúde e estabilidade.
  • Alteracións na biodiversidade local: a intensa iluminación e o elevado ruído nocturno afectaron a fauna asociada ao xardín, como aves e insectos, que desempeñan un papel clave no ecosistema.
  • Vertidos incontrolados de aceites, augas residuais e xabonosas sobre as zonas de paso que contaminan o solo.
  • Deterioro visual e ambiental do xardín: as intervencións afectaron non só a saúde das árbores, senón tamén o valor paisaxístico e cultural do espazo. As acumulacións de lixo estrados polo xardín e restos de comida foron unha constante nestes meses.
As imaxes que acompañan a esta nota evidencian a magnitude do impacto sufrido polo xardín histórico. 

Unha chamada á responsabilidade institucional
Amigas das Árbores esixe que as administracións competentes, o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia, asuman a súa responsabilidade na protección do xardín histórico da Alameda:

  1. Que se investigue o impacto ambiental e patrimonial deste evento a través de informes técnicos independentes e transparentes.
  2. Que se adopten medidas de recuperación inmediata: incluíndo a descompactación do solo, tratamentos fitosanitarios para as árbores afectadas e a restauración paisaxística.
  3. Que se garanta que a Alameda non volva ser utilizada para actividades incompatibles cos valores que fundamentaron a súa catalogación.
Desde a Asociación sinalamos: O xardín histórico da Alameda é un símbolo de Vigo, e a súa
preservación debe ser prioritaria sobre calquera interese comercial. Esta feira de Nadal debe buscar outras localizacións máis axeitadas que non comprometan un espazo único como este.


Alternativas para o futuro
Amigas das Árbores propón que eventos deste tipo se realicen en espazos máis adaptados para grandes concentracións, como prazas ou zonas urbanas de menor valor ambiental e patrimonial. "A Alameda non está preparada para resistir catro meses consecutivos de actividades intensivas. Vigo merece un Nadal sostible que respecte os seus espazos verdes e a súa historia."

03/01/25

Instamos á Xunta de Galicia a que cumpra as súas obrigas legais na protección do Xardín histórico da Alameda

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo presenta unha reclamación ante a Xunta de Galicia para a protección da Alameda de Vigo polo impacto sobre o patrimonio da instalación do “Cíes Market” no Xardín histórico.

A Asociación Amigas das Árbores anunciou a presentación dunha reclamación formal ante a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, solicitando a súa intervención para garantir o cumprimento da lexislación en materia de patrimonio cultural e a protección da Alameda de Vigo, un xardín histórico catalogado como ben cultural no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade.

Esta acción responde á preocupación pola instalación anual do "Cíes Market" na Alameda, un evento que durante case catro meses ao ano transforma este espazo emblemático nun mercado masivo de casetas de madeira, iluminación artificial e megafonía, que atrae un elevado número de visitantes e implica un uso intensivo de maquinaria pesada e vehículos para a súa montaxe, desmontaxe e subministros diarios.

A Asociación denuncia que esta actividade está a provocar danos significativos nos valores que motivaron a catalogación da Alameda como ben cultural, destacando:

  • Compactación do solo e deterioro das raíces das árbores centenarias, que comprometen a súa estabilidade e saúde. Colocación de cableado no arborado centenario.

  • Contaminación lumínica e acústica, que afecta á avifauna e ao equilibrio ecolóxico do xardín.

  • Desvirtuación do carácter histórico e cultural da Alameda, transformada durante meses nun espazo comercial alleo ao seu uso orixinal.

  • Risco para a seguridade pública, xa que o debilitamento das árbores podería derivar en desprendementos ou caídas de exemplares.

22/12/24

O eucalipto monumental do Nicolás Peña, mutilado, pero salvado da talla

Eran as 11:43 h deste venres 20 de decembro, cando nos chega o aviso dun veciño: están tallando o eucalipto monumental dos xardíns do Nicolás Peña!. A nova correu rápido polo chat de watshap de Amigas das árbores e se desprazaron ata alí os compañeiros e compañeiras que poideron. 

Cando chegou, primeiro, Xan, media hora despois do aviso, a grúa e as motoserras facían o seu tremendo traballo de desramado previo á talla que tiñan programada. A rápida acción do noso compañeiro logrou parar temporalmente a talla, ao advertir aos operarios da necesidade de permisos; chamou tamén á policía local e ao Seprona, logrando que se personasen tamén no lugar responsables de mantemento que afirmaron que executaban unha orde da xerencia do Hospital (hoxe dependente do SERGAS). Deulle tempo a documentar fotograficamente a operación e enviarnos as imaxes.

Con elas, demos rápido aviso dos feito en redes sociais e pouco despois achegáronse varias compañeiras máis, que serviron de reforzo para lograr disuadir á empresa que operaba contra a árbore. Non foron quen de parar a corta de grandes ponlas e dun inorme anaco da copa, pero lograron (esperemos que definitivamente) que pararan a prevista talla deste centenario exemplar.

Esta preciosa árbore queda agora ferida, danada, mutilada, pero será de mostra viva da ignorancia e estupidez de quen decidiu a talla e, sobre todo, mostra de que hai persoas que poñen os seus corpos fronte a barbarie e a favor do noso patrimonio contra os arboricidas. Grazas a todas as que participáchedes, ata onde foi humanamente posible, en parar esta defeita patrimonial.

Aportamos unha reportaxe fotográfica do exemplar antes, durante e despois da acción arboricida da xerencia do Nicolás Peña:

En 2011 (foto Javier G.)

En 2017 (Foto Javier G.)
2024 (Foto Javier G.)




As nosas Amigas das Árbores en acción. Grazas!










16/12/24

12/12/24 ... e chegamos nós a celebrar unha rúa verde salvada!

Petra Porter presentou o acto
O 12 de decembro de 2024, a Asociación Amigas das Árbores de Vigo celebramos o noso acto de presentación pública "oficial" na rúa María Berdiales, simbolicamente rebautizada como "María BerdeEs". Este lugar foi elixido pola súa carga histórica, xa que en 2018 a veciñanza conseguiu deter a tala das últimas árbores que quedaron neste tramo de rúa, despois de que o Concello eliminara, en obras de "humanización", todas as que conformaban a  preciosa cúpula vexetal nesta rúa, converténdose nun símbolo de loita colectiva en defensa do patrimonio natural urbano.

O evento, que comezou ás 19:30 horas, contou coa presenza dunhas duascentas persoas comprometidas coa conservación do medio ambiente en Vigo. A artista Petra Porter foi a encargada de conducir o acto. Tras unhas palabras de agradecemento, benvida e de reivindicación dunha cidade verde e viva, explicou o porqué da elección deste lugar para a nosa presentación dando paso logo á lectura do manifesto fundacional por parte do líder de Siniestro Total e veciño da Gran Vía, Julián Hernández.


Julián Hernández
Comezou Julián con palabras propias, denunciando a barbarie, citando as palabras que sobre as árbores e o maltrato á cidade pronunciaran os poetas Carlos Oroza ("Contemplo los árboles... porque los árboles son la hostia! "Un árbol es un alma que espera") e Manuel María Romón ("esta cidade ben merece un bombardeo"). No seu discurso, subliñou a importancia de preservar as zonas verdes e a biodiversidade urbana, facendo un chamamento á cidadanía para unirse na protección do patrimonio natural de Vigo. Rematou cun forte ALTRI NON!" que coreamos as persoas asistentes.

A continuación, entregáronse as distincións Viguesas Distintas á veciñanza de María Berdiales e ao alumnado da Falperra do Colexio Chans-Bembrive, en recoñecemento ás súas accións en defensa do arborado urbano, especialmente pola súa implicación na conservación das árbores de Romil.
Din Matamoro, diríxese ás asistentes en nome da
veciñanza de María Berdiales

Su Garrido cantando a capela
O acto continuou coa descuberta simbólica dunha placa que renomea a rúa como "María BerdeEs", en homenaxe á resistencia cidadá e ao compromiso coa natureza urbana. Este xesto representa a vontade de transformar Vigo nunha cidade máis verde e sostible, onde as árbores sexan valoradas e protexidas.

Rematamos coa lectura dun texto da nosa compañeira Raquel e co precioso tema de Su Garrido que, despois dunhas sentidas palabras en defensa da natureza e contra as agresións que está a sufrir o arborado en Vigo, cantou a capela con forza e pasión "A horta do Berbés".

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo nace co obxectivo de defender e promover o coidado do arborado e da biodiversidade urbana, denunciando as agresións ao patrimonio natural e fomentando a implicación cidadá na súa conservación. O noso Manifesto fundacional está dispoñible en liña para quen desexe unirse a esta causa.

A prensa local fíxose eco do evento. La Voz de Galicia publicou unha nova destacando os detalles do acto e os obxectivos da asociación.

Pola súa banda, Atlántico Diario informou sobre a creación da asociación e a súa misión de coidar o "pulmón verde" de Vigo.

O dixital de A Movida colgou tamén en Instagram un completo fío con videos e imaxes do acto.

No min 2h15m deste programa da radio galega, poderás escoitar a entrevista que realizaron á nosa amiga Laura.

A presentación de Amigas das Árbores de Vigo marca o inicio dunha nova etapa na defensa activa do patrimonio natural da cidade, convidando a toda a cidadanía a participar e colaborar na protección das árbores e espazos verdes e na loita contra os que tallan e mutilan estes seres indispensables para a saúde e a vida.












María, Raquel, Teresa, Bea, Rafa e Laura,
responsables da produción do acto


07/12/24

Amigas das Árbores, presenta a Asociación nun acto público o 12/12/24 na rúa María Berdiales e convoca á cidadanía

ACTO PÚBLICO DE PRESENTACIÓN DA ASOCIACIÓN 

“AMIGAS DAS ÁRBORES DE VIGO”.
12 de decembro 2024, ás 19:30 horas.
Na rúa María BerdeEs (antes coñecida como María Berdiales),
na zona arborada entre Hernán Cortés e Gran Vía.


Con motivo da formalización da Asociación, as Amigas das Árbores de Vigo faremos un acto de presentación pública “oficial” o vindeiro día 12 de decembro´ás 19:30 horas, na rúa María Berdiales (na súa confluencia coa Gran Vía, no tramo arborado). A elección deste lugar quere simbolizar a loita da veciñanza pola preservación do patrimonio natural e a biodiversidade en Vigo, obxectivos fundacionais da nosa Asociación.

A elección deste lugar ten un forte sentido cívico e simbólico: no ano 2018, este tramo de rúa salvouse da tala municipal, pola acción da veciñanza, que durante días pendurou das árbores delicados carteis e cooridos e artísticos paxaros de cartón que esixían a conservación do arborado, impedindo así que ocorrese o que pasou no resto da rúa: o arrase do arborado adulto existente na primeira fase das obras de “humanización”.

O acto, que será presentado pola artista Petra Porter, comezará coa interpretación pola cantante Su Garrido Pombo, da peza “A horta do Berbés”, léndose seguidamente o Manifesto fudacional de Amigas, a cargo de Julián Hernández, líder de Siniestro Total, veciño deste Barrio de Casablanca.

Posteriormente, entregaranse dúas distincións especiais, que co nome de “Viguesas distintas” quere homenaxear a aquelas persoas e colectivos que se significan polo seu amor e defensa da natureza e do arborado urbano en Vigo. Neste ano serán dintinguidas a Veciñanza deste tramo de María Berdiales e a rapazada da Falperra do Colexio Público Chans-Bembrive que tivo unha actuación moi destacada na salvagarda do arborado desta zona fronte ás pretensións de tala do Concello de Vigo.

O acto rematará coa colocación por persoas da Asociación dunha placa coa nova denominación deste tramo de rúa: “Rúa de María BerdeEs”.

Anímate a compartir con nós este momento e a unirte a Amigas das Árbores na súa reivindicación dun Vigo realmente verde, no que as árbores non sexan talladas nin mutiladas, senon que sexan conservadas e coidadas, repectando a súa importantísima función ecolóxica e a súa imprescindible colaboración na saúde da poboación.

ANÍMATE A DIFUNDIR ESTA CONVOCATORIA E ACHÉGATE TAMÉN Á RÚA MARÍA BERDEES, COMPARTE O TEU AMOR POLO ARBORADO URBANO DE VIGO!

NON ÁS TALAS E ÁS MUTILACIÓNS DO NOSO PATRIMONIO ARBOREO!

DEFENDAMOS O NOSO PATRIMONIO NATURAL!

Asinas o noso Manifesto? Preme aquí