22/08/25

Amigas das Árbores de Vigo esixe a conservación das árbores da urbanización Hernán Cortés/María Berdiales


A Asociación Amigas das Árbores de Vigo, entidade sen ánimo de lucro comprometida coa protección e conservación do patrimonio arbóreo urbano e natural da cidade, desexa manifestar a súa profunda preocupación pola posíbel eliminación de tres árbores de gran porte no ámbito da actuación urbanística situada nas rúas Hernán Cortés/María Berdiales.

Segundo as novas recollidas en medios de comunicación (ver: "Una nueva plaza y dos edificios de ocho alturas en el centro de Vigo") e información urbanística dispoñible, no proxecto inicial contemplábase a conservación expresa destas tres árbores senlleiras, situadas na parcela afectada e de elevado valor ecolóxico e paisaxístico.

Porén, contamos con información fiable segundo a cal, contravindo o previsto no propio proxecto, a promotora estaría a planificar a súa eliminación, empregando a habitual e desacreditada fórmula do "transplante", que xa foi empregada noutras actuacións da cidade con resultado fatal para as especies afectadas.

Cítase como antecedente directo a tala dos cedros da Ronda de Don Bosco durante as obras de humanización da zona, pese a que nun primeiro momento figuraban como “conservados”. Esta práctica repítese como unha estratexia para acalar a oposición veciñal e ambientalista durante a fase inicial do proxecto.

CONSIDERACIÓNS LEGAIS E NORMATIVAS:

  1. A Ordenanza Municipal de Zonas Verdes e Espazos Naturais do Concello de Vigo (OMA) establece, no seu artigo 4, o principio de conservación do arborado urbano e a obriga de evitar calquera eliminación innecesaria de especies arbóreas consolidadas. 

  2. O Prego Técnico do contrato de mantemento de zonas verdes actualmente en vigor, especifica que o transplante de árbores de gran porte só pode realizarse con criterios técnicos rigorosos e previa autorización municipal, baseándose nun informe detallado sobre a viabilidade e impacto da operación.

  1. A política europea de adaptación ao cambio climático, e as directrices nacionais en materia de infraestrutura verde, sinalan como prioridade a conservación de árbores maduras en solo urbano como mitigadores do efecto illa de calor, reguladores hídricos e soporte da biodiversidade.

En consecuencia, 

SOLICITAMOS:

1. Que o Concello de Vigo verifique de inmediato que as dúas árbores sinaladas como “a conservar” no proxecto de urbanización en María Berdiales/Hernán Cortés non sexan retiradas nin trasladadas, nin directa nin indirectamente, mediante subterfuxios coma o chamado “transplante”.

2. Que se nos remitan os apartados e informes referidos ao arborado relativos ao proxecto na parcela, para garantir a transparencia no seu cumprimento.

3. Que se obrigue á promotora ao cumprimento estrito do proxecto aprobado, sen modificacións encubertas ou a posteriori en detrimento do arborado, e que se exixa informe de técnico municipal competente para calquera actuación que poida afectar as devanditas árbores.

4. Que se nos responda por escrito no prazo legalmente establecido, indicando as medidas que se van adoptar para garantir a integridade das árbores afectadas e o cumprimento da normativa vixente.

En caso contrario, esta Asociación valorará as vías legais e administrativas procedentes, así como a denuncia pública e social do caso, dada a reiteración de actuacións similares que afectan gravemente ao patrimonio natural urbano de Vigo.

Quedamos á espera dunha pronta resposta,

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Interésanos moito a túa opinión