15/10/26

Amigas das Árbores apoia a acampada da Alameda en defensa da vivenda e do espazo público

Amigas das Árbores de Vigo expresa o seu apoio á acampada da Alameda en defensa do dereito a unha vivenda digna. Recoñecemos nas persoas que participan nesta mobilización unha preocupación que compartimos: defender unha cidade ao servizo das persoas, na que os dereitos e os bens comúns prevalezan sobre a súa explotación para o beneficio privado.

Sabemos que as persoas acampadas son conscientes do valor e da vulnerabilidade do lugar no que se atopan. O seu compromiso co coidado do patrimonio histórico e natural da Alameda e co mantemento do seu uso público coincide cos obxectivos que vén defendendo a nosa asociación. A súa presenza respecta o xardín como lugar de paseo, encontro e convivencia, aberto ao conxunto da cidadanía.

Na nosa valoración, o impacto da acampada, nas condicións nas que se está a desenvolver, é equiparable ao pisoteo ordinario asociado ao paseo e á estancia das persoas no xardín. Non resulta comparable coa ocupación da Alameda polas casetas do Cíes Market durante case catro meses, incluíndo a montaxe e a desmontaxe, nin coa presión derivada da asistencia masiva de visitantes, a utilización de vehículos de gran tonelaxe, o tráfico continuo de vehículos de subministración e a contaminación acústica e lumínica. A duración, a intensidade e os medios materiais empregados determinan impactos de dimensións moi diferentes.

Pero o noso apoio vai máis alá desta comparación. Compartimos coa acampada a defensa do valor público do espazo urbano e o rexeitamento da súa privatización de feito. A Alameda é un xardín histórico protexido que pertence á cidadanía. O seu valor reside tamén na posibilidade de utilizalo libremente, sen consumir, mercar nin participar nunha actividade comercial.

Por iso cuestionamos a cesión gratuíta deste espazo a unha empresa para a súa explotación comercial en beneficio propio. A ocupación prolongada por instalacións e actividades privadas impide o uso normalizado de partes do xardín e subordina a súa función pública ás necesidades dun negocio. Esta apropiación dun ben común merece unha resposta cidadá e unha revisión das decisións municipais que a permiten.

As persoas acampadas, pola contra, manteñen o uso compartido da Alameda mentres reclaman un dereito básico: poder acceder a unha vivenda digna. A súa reivindicación e a nosa defensa do xardín conflúen nunha mesma preocupación pola cidade que habitamos, polos seus recursos colectivos e pola posibilidade de vivir nela en condicións de igualdade.

Amigas das Árbores recoñece nesta mobilización unha práctica de responsabilidade e defensa do común. Expresamos a nosa solidariedade coas persoas participantes e o noso apoio ao seu compromiso co patrimonio histórico e natural e co uso público da Alameda.

Defender o dereito á vivenda e coidar a Alameda forman parte do mesmo compromiso cunha cidade para vivir.

Amigas das Árbores de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Interésanos moito a túa opinión