18/07/25

A morte da Faia catalogada en Castrelos, alerta sobre a situación das árbores senlleiras en Vigo

A morte e descatalogación dunha faia centenaria en Castrelos alerta sobre o risco real das árbores senlleiras catalogadas no xardín histórico da Alameda da Praza de Compostela de Vigo.

Foto Atlántico Diario

Dende Amigas das Árbores de Vigo lamentamos profundamente a recente morte dunha faia centenaria no parque de Castrelos, segundo informa a prensa hoxe, e alertamos de que esta perda non é un feito illado nin casual, senón o síntoma dun modelo de xestión forestal urbana que está a poñer en risco o noso patrimonio arborado máis valioso. A morte desta árbore incluida no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia e protexida por esa figura legal, pónos novamente en alerta sobre a grave situación das árbores senlleiras catalogadas no Xardín histórico da Alameda de Vigo que pode acabar na súa evitable perda.

A situación da Alameda da Praza de Compostela é outro exemplo preocupante. A pesar de tratarse dun xardín histórico protexido, cunha alineación de árbores monumentais, o seu mantemento evidencia prácticas neglixentes que están a afectar directamente a súa saúde e conservación. Así o constata o recente informe técnico emitido pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, da Deputación de Pontevedra, que analizaba o impacto da instalación do "Cíes Market" e outras prácticas agresivas sobre os exemplares da Alameda.

Este informe, xa remitido á Xunta de Galicia e ao Concello de Vigo, recolle a existencia de danos estruturais en raíces e base de tronco, cortes de pólas de gran calibre sen criterio técnico, compactación de substrato e uso de materiais inapropiados, entre outros problemas. Estes datos son de especial gravidade ao tratarse dunha zona sometida a réxime de protección patrimonial, e con árbores que forman parte do Catálogo galego de árbores senlleiras.

A nosa asociación esixe que se poñan en marcha actuacións urxentes para garantir a conservación efectiva destes exemplares, cunha planificación de mantemento profesional, con técnicos cualificados e conforme ás boas prácticas internacionais, como as recollidas no Estándar Europeo de Poda.

O caso da faia de Castrelos, ao igual que os exemplares da Alameda, debería ser un punto de inflexión. A cidadanía ten dereito a espazos verdes ben conservados, vivos, seguros e sans. Non podemos continuar ignorando os sinais que o noso patrimonio vexetal está a enviar.

FONTES:

Remisión á Xunta de Galicia e ao Concello de Vigo do informe da Estación Fitopatolóxica do Areeiro sobre impactos no Xardín histórico da Alameda de Vigo: https://amigasdasarboresvigo.blogspot.com/2025/06/informe-da-estacion-fitopatoloxica-do.html

"Muerte de un árbol que había que proteger”: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2025/07/18/muerte-arbol-habia-proteger/0003_202507V18C1991.htm

Castrelos pierde un árbol “senlleiro” y mantiene tres especies”: https://www.atlantico.net/vigo/castrelos-pierde-arbol-senlleiro-mantiene_1_20250717-3921391.html

04/07/25

O Rally Rías Baixas "recupera" unha proba no Monte do Castro: que barbaridade é esta?

O RALLYE RÍAS BAIXAS 2025 CONVIRTE O MONTE DO CASTRO NUNHA PISTA DE CONTAMINACIÓN: A HIPOCRISÍA INSTITUCIONAL DESENMASCARADA 

En plena onda de calor, coa cidade promovendo políticas de baixas emisións e mobilidade sostible, resulta absolutamente inxustificable que se permita a entrada de ducias de vehículos de competición a escape libre nun dos poucos espazos naturais urbanos da cidade, con consecuencias graves para a fauna, o arborado histórico e a veciñanza.

Por que rexeitamos o tramo do Castro:

  • Monte do Castro, con 21 hectáreas de superficie e árbores centenarias, é recoñecido como unha zona de elevado valor ambiental, arqueolóxico e paisaxístico, sendo considerado a "única illa verde de suficiente tamaño" no centro urbano.

  • ruído e a contaminación producidos por coches de competición provocan un impacto directo sobre a avifauna urbana, especialmente en período de aniñamento, e xerarán estrés e abandono de niños.

  • A actividade pon en risco o arborado e causa degradación do solo, compresión, erosión e danos mecánicos en zonas relevantes do parque.

  • A iniciativa contravén o que se supón que debe ser un parque botánico e de lecer ambiental, transformándoo nun circuíto temporal de espectáculo e velocidad.

"Este espazo non é un circuíto deportivo. É un parque para as persoas, para a natureza e para a xente que busca sombra, silencio e aire limpo", recoñecen desde a Asociación.

- ¿Por qué se recupera este tramo despois de anos eliminado se sabemos que é un atentado ecolóxico? 

¿Como se xustifica que vehículos de combustión libre (moitos sen filtros antipartículas) rugan nunha zona declarada de interese natural e histórico?

Non é casualidade: é elección política. Permitir que o Rallye Rías Baixas arrase o Monte do Castro é unha mostra de cinismo institucional. Mentres cidades europeas pechan centros históricos a coches, Vigo regresa aos anos 70. Isto non é progreso: é barbarie ambiental disfrazada de espectáculo. 

Unha decisión que, en plena crise climática e promesas de "sostibilidade", expón a traxedia da desconexión política coa realidade ambiental de Vigo. 

Desde Amigas das Árbores esiximos aos organizadores, ao Concello de Vigo e aos patrocinadores públicos do evento, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia:

  1. Suspender de inmediato o tramo urbano no Monte do Castro, antes de que se produzan impactos irreparables.

  2. Iniciar un proceso de revisión ambiental do uso de espazos públicos que impida actividades de motor neste tipo de parques urbanos.

  3. Comprometerse públicamente a promover eventos compatibles coa conservación, como actividades de observación natural, pedagoxía ambiental ou lecer calmado, coherentes coas zonas de baixas emisións e co modelo de cidade saudable.