ASUNTO: Solicitude de paralización inmediata das talas no Parque do Castro e denuncia do incumprimento do Prego de Condicións de mantemento das zonas verdes e da Ordenanza Municipal de Zonas Verdes.)
EXPÓN
Que durante os días 24 e 25 do novembre actual, asociadas de Amigas das Árbores de Vigo constataron a realización de talas de árbores no Parque do Castro —espazo catalogado e de especial protección histórica, paisaxística, botánica e cultural— levadas a cabo polo Servizo de Bombeiros de Vigo, empregando maquinaria pesada e realizando cortes de tronco e retirada de exemplares aparentemente sans ou sen evidencia de risco estrutural.
Na imaxe que achegamos (onde se aprecia un grupo de persoas con roupa laboral e un vehículo do servizo de bombeiros executando labores de corte dunha árbore), obsérvase que se están realizando operacións de apeo e tala, malia que:
Non consta comunicación pública nin sinalización de perigo que xustifique unha intervención de emerxencia.
Non se facilitou, pese a solicitalo, informe técnico previo, motivado e asinado por persoal cualificado, tal e como esixe o Prego de Condicións Técnicas do contrato de mantemento das zonas verdes (Expte. 12853/446).
Non hai presenza identificada de técnico responsable in situ, obrigatoria para autorizar e supervisar calquera tala segundo o devandito Prego.
A execución das talas por parte do Servizo de Bombeiros constitúe unha anomalía administrativa, pois este corpo só pode actuar en tarefas non propias do seu servizo en caso de risco inminente para a seguridade, o que non foi acreditado en ningún momento.
A Contrata Acciona-Mantén, segundo o contrato vixente, é a autorizada para executar estes traballos de mantemento, sempre previa xustificación técnica, e non consta que esté intervindo cos seus medios propios neste caso, o que pode constuir un uso indebido de medios municipais para minimizar custos obrigatorios á Contrata.
A situación resulta especialmente grave tendo en conta que a nosa asociación presentou recentemente un escrito rexistrado denunciando o informe técnico de Acciona relativo a actuacións no Castro, sen que o Concello dera resposta ningunha.
O conxunto destes feitos podería supoñer incumprimento do Prego de Condicións, da Ordenanza Municipal de Zonas Verdes e Espazos Naturais, e das obrigas da administración local respecto ao arborado urbano e das normas de protección incluidas na ficha do Catálogo de Bens Culturais do PXOM.
SOLICÍTASE
A paralización inmediata de calquera tala ou apeo en curso no Parque do Castro, salvo situación acreditada e documentada de risco extremo.
Que se remita con carácter urxente a esta asociación:
Informe técnico previo que xustifique cada tala realizada nestes días.
Nome e titulación da persoa técnica responsable que autorizou e supervisou as actuacións e do/a técnico/a presente in situ durante eses apeos.
Copia da orde de intervención emitida ao Servizo de Bombeiros.
Informe de avaliación de risco do exemplar ou exemplares retirados.
Que se aclare por escrito:
Por que non se empregou á empresa concesionaria Acciona Mantén, tal e como obriga o contrato.
Se existe un plan municipal de “apertura de vistas” ou eliminación de arborado no Castro por razóns alleas ao seu estado de conservación e función ecolóxica e paisaxística, tal e como suxiren as actuacións observadas agora e as, neste sentido, realizadas polo Concello nos últimos anos.
Que se restaure o cumprimento estrito da Ordenanza Municipal de Zonas Verdes e do Prego de Mantemento e se redacte e tramite un Plan Especial de Protección do Parque do Castro.
Que o Concello repare a súa conducta de falta de resposta sistemática ás comunicacións formais da cidadanía organizada, en vulneración do dereito recoñecido pola Lei 39/2015.
SOLICITUDE FINAL
Dada a gravidade das actuacións e o dano irreversíbel que poden causar nun espazo de alto valor patrimonial e natural como o Parque do Castro, solicitamos resposta e actuación inmediata, así como a suspensión cautelar de calquera actuación non xustificada tecnicamente conforme aos criterios de referencia en materia de arboricultura, para validar este tipo de informes.
Sen outro particular, e agardando unha resposta conforme á lei e ao respecto debido á cidadanía,
Asociación Amigas das Árbores de Vigo
.jpeg)




.jpeg)
