22/08/25

A Erythrina da rúa Pracer , xa ten luz propia. Simboliza a nosa loita contra a barbarie arboricida do cableado de Nadal.

Escrito enviado ao Rexistro xeral do Concello de Vigo

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo, entidade sen ánimo de lucro e legalmente constituída para a defensa do patrimonio arbóreo e natural da cidade, diríxese a esta administración para denunciar a reiterada e consciente vulneración da Ordenanza Municipal de Zonas Verdes e Espazos Naturais pola colocación masiva de cableado e dispositivos luminosos sobre árbores urbanas.

No presente mes de agosto de 2025, a empresa Iluminaciones Ximénez, contratada polo Concello para a instalación da iluminación de Nadal, iniciou xa os traballos de colocación de cableado sobre diversos exemplares arbóreos, como parte da ornamentación anunciada recentemente polo Sr. Alcalde nos medios de comunicación, dando así inicio, de maneira anticipada e publicitada, ao denominado “Nadal vigués”.

En concreto, unha afiliada da nosa Asociación puido constatar que na rúa Pracer, os operarios da empresa estaban a colocar cableado sobre unha Erythrina crista-galli na rúa Pracer (árbore ornamental de gran valor paisaxístico e ecolóxico), ante o que manifestaron que “esa árbore levará cables, si ou si”, facendo caso omiso das advertencias relativas á ilegalidade da práctica1.

Esta actuación vulnera o disposto no Artigo 16 da Ordenanza Municipal de Zonas Naturais e Espazos Verdes, que dispón de forma categórica que está prohibido o seguinte:

Arrincar ou partir árbores, pelar ou arrincar as súas cortizas, cravar puntas, atar ás mesmas randeiras, escaleiras, ferramentas, soportes de andamiaxe, ciclomotores, bicicletas, carteis ou calquera outro elemento, gabear ou subir ás mesmas.”

Esta redacción non contempla ningunha excepción. Polo tanto, calquera colocación de elementos nas árbores é ilegal, con independencia de que estea avalada por un contrato municipal, por unha autorización interna ou por calquera outro tipo de acordo administrativo.

Ademais, como xa denunciamos nese Concello por escrito de novembro de 2024, estas intervencións preceden ou acompañan brutais podas realizadas pola empresa de mantemento Acciona, que mutilan severamente as copas das árbores para facilitar o traballo posterior de instalación da iluminación, alterando irreversiblemente a súa estrutura, saúde e función ecolóxica, como resultou evidente na “campaña” do Nadal de 2024, coa morte e grave debilitamento de centos de árbores que aínda hoxe amosan evidentes mostras dos danos que aquela actuación provocou en toda a cidade.

Estas prácticas, amplamente documentadas na tempada pasada, afectan a centos de exemplares e supoñen un atentado directo contra:

  • O benestar do arborado urbano e a súa capacidade de supervivencia.

  • Os compromisos ambientais do Concello en materia de biodiversidade urbana.

  • A legalidade vixente municipal e contractual.

En consecuencia, 

SOLICITAMOS:

  1. Que se ordene a inmediata paralización da colocación de elementos luminosos, guirnaldas ou cableado sobre o arborado urbano de Vigo, en cumprimento da Ordenanza Municipal de Zonas Verdes.

  2. Que se prohiba expresamente no contrato vixente coa empresa Ximénez, ou en calquera contrato relacionado coa ornamentación urbana, o uso do arborado como soporte de iluminación ou outros elementos.

  3. Que se realice unha auditoría independente sobre os efectos das podas realizadas nos últimos anos con motivo da campaña de Nadal e os danos acumulados no arborado urbano da cidade.

  4. Que se nos responda por escrito a esta denuncia e se nos informe das medidas que o Concello prevé adoptar para garantir o cumprimento da normativa e a protección efectiva das árbores.

ADVERTIMOS:

Dado o carácter reiterado, sistemático e consciente destas actuacións, a nula resposta do Concello aos nosos escritos de advertencia, e oincumprimento da legalidade vixente por parte da propia administración local, esta Asociación:

  • Estuda o inicio de accións legais, tanto administrativas como penais, por prevaricación ambiental, dano ao patrimonio público e vulneración das normativas de protección ambiental e contratación pública.

  • Pon en coñecemento da cidadanía e da prensa estas prácticas, e iniciará unha campaña pública de denuncia se estas actuacións non son paralizadas e revertidas de inmediato.

Vigo non pode continuar sendo un escenario de destrución sistemática do seu arborado en nome do espectáculo. A saúde ambiental, o benestar común e o respecto ás leis están por riba do marketing.

Agradecendo de antemán a súa atención, e quedando á espera dunha resposta formal,

1 Esta árbore de gran valor paixasístico e ornamental, en perfecto estado de saúde e coa copa natural que non presentaba problema ningún, foi brutalmente mutilada e deformada en 2024 para “preparala” para a colocación de cableado e leds.

Deformación grave da copa da Erythrina como consecuencia da brutal poda de 2024 para colocarlle o cabled¡ado de Nadal nese ano. 


Amigas das Árbores de Vigo esixe a conservación das árbores da urbanización Hernán Cortés/María Berdiales


A Asociación Amigas das Árbores de Vigo, entidade sen ánimo de lucro comprometida coa protección e conservación do patrimonio arbóreo urbano e natural da cidade, desexa manifestar a súa profunda preocupación pola posíbel eliminación de tres árbores de gran porte no ámbito da actuación urbanística situada nas rúas Hernán Cortés/María Berdiales.

Segundo as novas recollidas en medios de comunicación (ver: "Una nueva plaza y dos edificios de ocho alturas en el centro de Vigo") e información urbanística dispoñible, no proxecto inicial contemplábase a conservación expresa destas tres árbores senlleiras, situadas na parcela afectada e de elevado valor ecolóxico e paisaxístico.

Porén, contamos con información fiable segundo a cal, contravindo o previsto no propio proxecto, a promotora estaría a planificar a súa eliminación, empregando a habitual e desacreditada fórmula do "transplante", que xa foi empregada noutras actuacións da cidade con resultado fatal para as especies afectadas.

Cítase como antecedente directo a tala dos cedros da Ronda de Don Bosco durante as obras de humanización da zona, pese a que nun primeiro momento figuraban como “conservados”. Esta práctica repítese como unha estratexia para acalar a oposición veciñal e ambientalista durante a fase inicial do proxecto.

CONSIDERACIÓNS LEGAIS E NORMATIVAS:

  1. A Ordenanza Municipal de Zonas Verdes e Espazos Naturais do Concello de Vigo (OMA) establece, no seu artigo 4, o principio de conservación do arborado urbano e a obriga de evitar calquera eliminación innecesaria de especies arbóreas consolidadas. 

  2. O Prego Técnico do contrato de mantemento de zonas verdes actualmente en vigor, especifica que o transplante de árbores de gran porte só pode realizarse con criterios técnicos rigorosos e previa autorización municipal, baseándose nun informe detallado sobre a viabilidade e impacto da operación.

  1. A política europea de adaptación ao cambio climático, e as directrices nacionais en materia de infraestrutura verde, sinalan como prioridade a conservación de árbores maduras en solo urbano como mitigadores do efecto illa de calor, reguladores hídricos e soporte da biodiversidade.

En consecuencia, 

SOLICITAMOS:

1. Que o Concello de Vigo verifique de inmediato que as dúas árbores sinaladas como “a conservar” no proxecto de urbanización en María Berdiales/Hernán Cortés non sexan retiradas nin trasladadas, nin directa nin indirectamente, mediante subterfuxios coma o chamado “transplante”.

2. Que se nos remitan os apartados e informes referidos ao arborado relativos ao proxecto na parcela, para garantir a transparencia no seu cumprimento.

3. Que se obrigue á promotora ao cumprimento estrito do proxecto aprobado, sen modificacións encubertas ou a posteriori en detrimento do arborado, e que se exixa informe de técnico municipal competente para calquera actuación que poida afectar as devanditas árbores.

4. Que se nos responda por escrito no prazo legalmente establecido, indicando as medidas que se van adoptar para garantir a integridade das árbores afectadas e o cumprimento da normativa vixente.

En caso contrario, esta Asociación valorará as vías legais e administrativas procedentes, así como a denuncia pública e social do caso, dada a reiteración de actuacións similares que afectan gravemente ao patrimonio natural urbano de Vigo.

Quedamos á espera dunha pronta resposta,