04/05/25

Advertimos novamente por escrito ao Concello de Vigo antes de que inicie mais mutilacións de arborado na rúa Ecuador

Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo volvemos advertir ao Concello de Vigo, e en particular ao servizo municipal responsable do mantemento de zonas verdes, que temos constancia da disposición dunha plataforma elevadora na rúa Ecuador, previsiblemente para iniciar unha nova “campaña” de poda primaveral sobre o arborado urbano desa rúa.

Tendo en conta o que vimos de presenciar noutras rúas nas últimas semanas (Venezuela, Areal, Teófilo Llorente, Marqués de Alcedo…), tememos que se vaia repetir unha vez máis unha práctica sistemática de poda severa, anticientífica e mutiladora, totalmente incompatible cos principios básicos dunha arboricultura racional e sostible.

Queremos lembrar formalmente ao Concello de Vigo que a realización dunha poda severa nestas árbores, especialmente en plena primavera, suporía unha grave infracción por tripla vía:

  1. Incumprimento da Ordenanza municipl de protección dos espazos naturais e zonas verdes, que prohibe expresamente as podas drásticas e mutiladoras e obriga a actuar segundo criterios técnicos axeitados.

  2. Incumprimento do prego de prescricións técnicas do contrato de mantemento adxudicado a Acciona, que tamén establece claramente os criterios técnicos e a temporalización das intervencións, excluíndo podas agresivas e mutilacións como as que se están producindo.

  3. Contravención directa do Estándar Europeo de Poda de Árbores, no que se sinala que:

    As podas severas (como os desmochados e terciados) deben ser evitadas en todo caso, por afectar gravemente a saúde estrutural das árbores e a súa capacidade de realizar funcións ecolóxicas e de servizo urbano.”

Dado que o Concello é perfectamente coñecedor das advertencias e informes que esta Asociación leva presentado, tanto de maneira pública como formal, e tamén das numerosas referencias científicas, técnicas e normativas que lle foron achegadas, entendemos que calquera nova intervención como as xa documentadas podería implicar a responsabilidade directa dos servizos municipais e da empresa contratista, ao estarse producindo un reiterado e consciente incumprimento da legalidade vixente.

Por todo isto, exiximos a inmediata paralización de calquera intervención sobre o arborado da rúa Ecuador ata que se garanta por escrito que:

  • Non se realizarán podas severas ou mutilacións.

  • Calquera intervención responderá exclusivamente a criterios técnicos fundamentados e será executada por persoal cualificado.

  • Se dará cumprimento estrito á normativa e ás obrigas recollidas no contrato vixente.

En caso contrario, a nosa asociación considerará xa a posibilidade de emprender accións legais por vulneración reiterada e consciente da normativa municipal e da “Lei do contrato” de mantemento de zonas verdes coa empresa Acciona, incluíndo a denuncia pública e ante os organismos competentes.

Sen outro particular, quedamos á espera de resposta urxente e con disposición para o diálogo, mais tamén con firmeza na defensa do noso arborado urbano.