ENÉSIMO ESCRITO ENVIADO AO CONCELLO DE VIGO 1/04/2025
Á atención da Concellería de Parques, Xardíns e Medio Natural do Concello de Vigo:
Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo queremos trasladar, unha vez máis, a nosa máis enérxica protesta pola nova campaña de mutilacións e “podas” severas que se está a desenvolver en diferentes zonas da cidade, concretamente nas rúas Areal, Teófilo Llorente, Pracer, Tomás Alonso e na Finca de Mirambell en Canido (con brutal "terciado" do singular bosquete de Melaleucas), entre outras. As imaxes recollidas nas últimas xornadas mostran de novo prácticas claramente lesivas para o arborado urbano, realizadas en plena primavera, coincidindo co inicio do ciclo vexetativo das especies caducifolias.
As "podas" executadas constitúen verdadeiras mutilacións, sen criterio técnico coñecido, que afectan severamente á saúde estrutural e fisiolóxica das árbores.
Incumprimentos graves da normativa e do contrato
Estas actuacións contraveñen gravemente:
A Ordenanza municipal de espazos naturais e zonas verdes (art. 24), que prohibe expresamente mutilacións e desmochados do arborado urbano.
O Prego de condicións técnicas do contrato de mantemento de zonas verdes, vixente coa empresa Acciona, no que se especifica que as podas deben:
Ser realizadas por persoal especializado.
Responder a criterios técnicos e fitosanitarios xustificados.
Evitar podas drásticas, mutilacións ou cortes indiscriminados.
Os principios e criterios do Estándar Europeo de Poda de Árbores, que recollen que este tipo de cortes só están xustificados por razóns de seguridade documentadas e nunca deben realizarse de forma sistemática nin rutineira.
Consecuencias e preocupacións
Estas intervencións, como xa temos advertido en múltiples ocasións, conlevan:
Un debilitamento estrutural progresivo das árbores afectadas.
Un incremento do risco de enfermidades e pragas.
Un deterioro irreversible da forma e estética dos exemplares.
Un incremento da inseguridade futura por ramas mal formadas.
Un atentado contra a biodiversidade urbana e a función ambiental do arborado.
Reclamacións urxentes
Á vista dos feitos e da reincidencia destas malas prácticas, esiximos:
A paralización inmediata da “campaña” de podas actualmente en marcha.
A realización dun informe técnico independente sobre os traballos realizados, que determine o seu grao de legalidade e adecuación técnica.
A revisión do contrato coa empresa concesionaria e a apertura dun expediente sancionador por vulneracións reiteradas do prego de condicións.
A implantación dun Protocolo público de boas prácticas en arborado urbano, baseado en criterios científicos e na participación cidadá.
A creación dun órgano consultivo independente, con participación da sociedade civil, para avaliar as intervencións no arborado.
Vigo merece un arborado urbano coidado, saudable e xestionado con responsabilidade. A destrución sistemática do noso patrimonio natural, especialmente en momentos tan críticos como o inicio da primavera, é inaceptable.
Á espera dunha resposta formal, reiteramos a nosa disposición ao diálogo, mais tamén a firmeza na denuncia social, mediática e xurídica desta situación.
![]() |
Rúa Pracer |
![]() |
Finca de Mirambell |
![]() |
Rúa Teófilo Llorente |
![]() |
Areal |
![]() |
Rúa Pracer (en "proceso") |