19/03/25

Declaración de Amigas das Árbores de Vigo no Día da Árbore 2025.

Declaración da Asociación Amigas das Árbores de Vigo no Día da Árbore 2025

Contra as podas drásticas e o arboricidio urbano. Por unha xestión racional e sostible do arborado en Vigo.

O 21 de marzo, Día da Árbore, reivindicamos o dereito das árbores a vivir, crecer e cumprir o seu ciclo natural sen agresións. En Vigo, estamos a asistir a unha destrución masiva do arborado urbano a través de podas drásticas, mutilacións e talas indiscriminadas que están a transformar as nosas árbores en meros restos moribundos sen capacidade de cumprir a súa función ecolóxica, paisaxística e social.

Non estamos ante casos illados, senón ante un modelo de xestión arboricida, promovido por grandes empresas contratistas do mantemento de zonas verdes, que, en lugar de coidar as árbores, sacan beneficio económico da súa destrución sistemática obviando impunemente os pregos de condicions do contrato. Para estas contratas unha árbore mutilada ou talada significa menos traballo de mantemento axeitado, menos tempo de intervención especializada e, en consecuencia, un enriquecemento inxusto, á custa dun dano irreversible para o medio ambiente e a calidade de vida da cidadanía.

1. Vigo, unha cidade que mutila e destrúe o seu arborado

* Podas drásticas e terciados e desmochados brutais

  • As árbores das nosas rúas están sendo sistematicamente mutiladas ata quedar reducidas a torres de madeira case sen follas nin pólas naturais.

  • O obxectivo destas “podas” non é o coidado, senón a diminución e deturpación radical da copa, a debilitación das árbores provocando a súa degradación e morte prematura.

  • Estas malas prácticas aumentan o risco de caída de pólas e troncos, ao provocar rebentos débiles e unha estrutura insustentable.

* Talas masivas sen xustificación

  • Vemos como árbores sans e maduras son talladas co pretexto de “humanizacións” que privilexian o cemento sobre a biodiversidade.

  • Nas rúas de Vigo, centenares de árbores desapareceron sen reposición axeitada, substituídas, no menos malo dos casos, por especies menores ou macizos de arbustos.

* Unha Administración municipal promotora e cómplice das malas prácticas

  • O Concello de Vigo está a permitir que a contrata de mantemento incumpra de forma sistemática o prego de condicións do contrato de mantemento e a Ordenanza de zonas verdes, que especifican claramente que as podas deben ser coidadosas e respectuosas coa estrutura natural da árbore.

  • As contratas de mantemento, lonxe de aplicar criterios técnicos adecuados, realizan unha xestión de máximo aforro e, en consecuencia, máximo beneficio económico, incumprindo o contrato e sacrificando o benestar do arborado.

  • O Concello non só permite estas prácticas, incumprindo a súas obrigas contractuais, senón que as promove, ignorando as reiteradas denuncias da cidadanía e as boas prácticas de xestión substituidas polo “decorativismo” e a falsa seguridade.

2. Esiximos un cambio radical na xestión do arborado urbano

* Queremos árbores coidadas, non mutiladas!

  • Prohibición inmediata das podas drásticas e desmochados.

  • Aplicación de técnicas de poda selectiva baseadas nas boas prácticas, no prego de condicións de mantemento e en criterios científicos e de xardinería sostible.

* Fin do modelo de negocio baseado na destrución do arborado!

  • Fiscalización efectiva do cumprimento do contrato de mantemento de zonas verdes.

  • Sancións ás empresas contratistas que incumpran os criterios de poda racional e conservación do arborado.

  • Recuperación dunha brigada municipal de xardinería con persoal cualificado, sen depender de empresas que buscan o máximo lucro. Creación e dotación da praza de Conservador de xardíns históricos.

* Reposición inmediata das árbores desaparecidas!

  • Cada árbore eliminada debe ser substituída por outra da mesma especie e de tamaño axeitado.

  • Prohibición de substituír árbores por pequenos arbustos ou plantas ornamentais, que non cumpren a mesma función ambiental.

* Dereitos para as árbores, dereitos para a cidade!

  • O arborado urbano debe ser xestionado como un ben común e un patrimonio natural protexido, non como mobiliario urbano ou como un elemento prescindible sometido a intereses económicos espurios.

  • Aplicación efectiva da normativa ambiental e das recomendacións do Estándar Europeo de Poda de Árbores.

3. O 21 de marzo mobilizámonos en defensa das árbores de Vigo!

Este Día da Árbore non só queremos celebrar a importancia das árbores, senón denunciar o arboricidio que se está a cometer na nosa cidade. Vigo non pode seguir permitindo a destrución das súas árbores por intereses privados e pola inacción do seu Concello.

Esiximos o fin da destrución do noso patrimonio arbóreo!

Unha cidade con árbores sans é unha cidade viva!

Defendamos as árbores de Vigo, antes de que sexa demasiado tarde!

Únete a Amigas das Árbores! Mobilízate, denuncia e defende o arborado da túa cidade!

10/03/25

Novo escrito ao Concello de Vigo denunciando a mutilación do arborado na rúa Marqués de Alcedo.

Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo, en escritos anteriores remitidos a ese Concello denunciamos con rotundidade a brutal "poda" que se está a realizar na nosa cidade ao arborado urbano en xeral e, nesta nova ocasión, aos plátanos de sombra da rúa Marqués de Alcedo, unha intervención que supón un desmochado extremo, contradicindo as recomendacións científicas, os estándares europeos e a propia normativa municipal.

As imaxes documentadas mostran árbores mutiladas, sen copa funcional, condenadas a un crecemento desordenado e a un debilitamento progresivo que incrementa o risco de caídas de pólas e perda total dos exemplares.

1 Incumprimento das normativas municipais

  • Ordenanza municipal do medio natural e da biodiversidade do Concello de Vigo
  • Prego de condicións da contrata de mantemento de zonas verdes

As ordenanzas municipais e o prego de condicións do contrato de mantemento prohíben expresamente podas extremas e desmochados, xa que:

  • Debilitan a árbore e reducen a súa vida útil.
  • Aumentan a vulnerabilidade a pragas e enfermidades.
  • Comprometen a estabilidade da árbore, incrementando o risco de caídas.
  • Desnaturalizan a paisaxe urbana e reducen os servizos ambientais das árbores.

2 Incumprimento do Estándar Europeo de Poda de Árbores

Estándar Europeo de Poda de Árbores establece directrices científicas para a xestión do arborado urbano. Segundo este documento, as podas deben respectar a estrutura natural da árbore, evitar feridas grandes e nunca realizar desmochados, pois son altamente prexudiciais.

A intervención realizada na rúa Marqués de Alcedo supón un incumprimento flagrante destas recomendacións, poñendo en risco a saúde das árbores e a seguridade cidadá.

En consecuencia, novamente esiximos ao Concello de Vigo:

Exixencias ao Concello de Vigo

  1. A paralización inmediata de todas as podas agresivas no arborado urbano.

  2. A revisión e adaptación do protocolo de poda da contrata de mantemento, obrigando a aplicar as disposicións do prego de condicións e os criterios científicos e respectuosos coas árbores. Lembramos que o Concello de Vigo ten a responsabilidade legal de velar polo cumprimento dos contratos, garantindo así o interese público, cuestión que, como estamos e podemos demostrar, está a incumprir sistematicamente no caso do Contrato de mantemento de espazos naturais e zonas verdes, favorecendo así os intereses privados da UTE contratada, permitindo que deixe de realizar labores obrigadas e que actúe minimizando outras que, como as podas, requiren un traballo respectuoso e especializado que, como é obvio, non se está a realizar. A actuacion real neste anos por parte da contrata, coa aquiescencia, por acción ou omisión, do Servizo municipal de parques e xardíns, consiste en eliminar os custos deste labor a base de reducir con mutilacións brutais a masa arbórea e utilizar métodos groseiros, en lugar da necesaria especialización e da ferramenta axeitada que require a boa práctica da poda, tal e como dispón a Ordenanza e o Prego de condicións.

  3. A apertura dun proceso de investigación sobre esta intervención e a asunción de responsabilidades polos danos causados. Un compromiso claro cunha xestión sostible do arborado urbano, con transparencia e supervisión por parte de expertos en arboricultura.

Á espera dunha resposta urxente a este aos outros escritos rexistrados formalmente nese Concello, reservámonos o dereito de acudir --á vista da nula atención e resposta ás nosas iniciativas-, a outras vías, e seguimos á súa disposición para colaborar en calquera acción que promova unha mellor xestión do patrimonio verde da cidade.