15/11/24

Amigas das Árbores esixe ao Concello que cesen as podas drásticas e a colocación de cables nas árbores

A Asociación Amigas das Árbores de Vigo presenta un escrito ao Concello esixindo o fin das podas drásticas e da instalación de luces decorativas nas árbores urbanas.

Vigo, 11 de novembro de 2024 – A Asociación Amigas das Árbores de Vigo presentou hoxe un escrito dirixido ao alcalde de Vigo, no que esixe a revisión e cesamento das prácticas de poda drástica e da colocación de cableado e iluminación decorativa sobre o arborado urbano. A asociación, que ten como obxectivo a protección e conservación do patrimonio arbóreo da cidade, expresa a súa profunda preocupación pola repetición de podas severas que afectan a vitalidade das árbores, así como pola colocación de luces e outros elementos decorativos que, segundo denuncian, vulneran a normativa municipal e comprometen a saúde e a integridade das árbores.

Segundo a Asociación Amigas das Árbores, estas prácticas non só infrinxen a Ordenanza de Zonas Verdes e Espazos Naturais de Vigo, que establece criterios de mínima intervención para a poda, senón que tamén incumpren o Prego de Condicións do contrato de mantemento das zonas verdes. No escrito, a asociación advirte que as podas severas alteran o crecemento natural das árbores, debilitándoas e facéndoas máis vulnerables a pragas e enfermidades. Pola súa parte, a instalación de luces nas copas impón tensións adicionais sobre as ramas e altera os ciclos biolóxicos das árbores, afectando tanto ao ecosistema urbano como á fauna local.

A asociación insta ao Concello a cesar estas prácticas e propón que busque alternativas de iluminación para o Nadal que non interfiran co arborado urbano, garantindo así un compromiso co medio ambiente e a biodiversidade na cidade. Escrito: 

Manifesto fundacional

Manifesto Fundacional da Asociación 
Amigas das Árbores de Vigo

Hoxe máis ca nunca, as árbores que habitan as nosas cidades son imprescindibles para garantir un futuro sostible e saudable. A urxencia climática e os desafíos ambientais aos que nos enfrontamos, fan da natureza urbana unha aliada vital para o benestar humano e para a conservación da biodiversidade. Porén, en Vigo estamos a ser testemuñas dunha vaga de destrución do noso patrimonio natural urbano: árbores adultas están sendo talladas sen razóns xustificadas, e o noso arborado urbano está a sufrir podas drásticas que comprometen a súa saúde e contribución ecolóxica e son maltratadas cada ano ao pendurarlles e amarrar nas súas ponlas cables e guirnaldas.

É por iso que nace a Asociación Amigas das Árbores, unha organización sen ánimo de lucro cuxo obxectivo primordial é defendermos e promovermos o coidado e conservación do arborado e da biodiversidade urbana. Fundámonos desde o convencemento de que as árbores non son só elementos decorativos na cidade, senón seres vivos imprescindibles que contribúen a mellorar a calidade do aire, a regular a temperatura, a proporcionar espazos de lecer, benestar e saúde, e a preservar a biodiversidade.

Como asociación, queremos: