Desde a Asociación Amigas das Árbores de Vigo, manifestamos a nosa indignación e máis firme oposición á talla masiva de árbores adultas de gran porte na Avenida da Florida. As imaxes e testemuñas que nos chegan mostran un arboricidio de dimensións alarmantes, sen que existan xustificacións ambientais, estruturais ou fitosanitarias que avalen unha actuación de tal magnitude.
Exiximos a inmediata paralización destas tallas e unha explicación detallada das razóns que levaron ao Concello de Vigo a destruír unha parte tan significativa do patrimonio arbóreo urbano.
1. Un arboricidio sen fundamento
As árbores eliminadas na Avenida da Florida:
- Son exemplares de gran porte, con décadas de vida, que proporcionaban sombra, fixación de CO₂, absorción de contaminantes e mellora da calidade do aire.
- Non presentan síntomas visibles de enfermidade ou perigo estrutural que xustifique a súa eliminación.
- Representaban un elemento paisaxístico e ambiental fundamental para o benestar da veciñanza e a biodiversidade local.
A eliminación destes exemplares supón unha perda irreparable que afectará negativamente á calidade ambiental e paisaxística desta zona da cidade.
2. Exiximos transparencia e responsabilidade ambiental
O Concello de Vigo está obrigado a cumprir coa normativa en materia de medio ambiente e xestión sostible do arborado urbano. Polo tanto, solicitamos:
A paralización inmediata da talla de árbores na Avenida da Florida ata que se fagan públicos os informes técnicos que xustifican fidedignamente esta actuación.
Acceso aos informes fitosanitarios e estruturais que avalen a necesidade desta intervención drástica.
Alternativas á talla: se realmente existise algún problema coas árbores, deberían priorizarse medidas de conservación, tratamento ou substitución progresiva, non a eliminación masiva.
Un compromiso firme coa protección do arborado urbano, aplicando criterios rigorosos baseados na saúde dos exemplares e na normativa ambiental vixente.
3. Un modelo de cidade incompatible coa destrución do seu patrimonio verde
Non é a primeira vez que asistimos a unha actuación desmesurada e agresiva contra o arborado urbano en Vigo. Este modelo de xestión, baseado na eliminación sistemática de exemplares sans, vai na dirección contraria ás recomendacións ambientais actuais, que instan a protexer e ampliar os espazos verdes nas cidades.
A cidadanía de Vigo merece un Concello que coide e conserve as árbores, non unha administración que as destrúa sen xustificación.
A nosa asociación non cesará na defensa do patrimonio arbóreo da cidade. Se estas tallas continúan, exploraremos todas as vías legais e de mobilización social para frear este despropósito.
Á espera dunha resposta e da inmediata paralización destas tallas, quedamos á súa disposición para calquera aclaración ou diálogo sobre alternativas sostibles.
Atentamente,
É de xustiza.
P.S. Pensamos que as árbores talladas son os grandes Plátanos de sombra da histórica estación de Tranvías da Florida, eses que Méndez Ferrín denominou Pradairos de sombra.